Rajoy di que vai conseguir que lle retiren a declaración de 'non grato' en Pontevedra

Pontevedra
13 de marzo 2016

"Muchísimas gracias a todos; soy pontevedrés y voy a conseguir que esta condecoración que con tan poca generosidad tuvieron a bien concederme, me la retiren", sentenciou o líder do Partido Popular

Congreso provincial do Partido Popular de Pontevedra
Congreso provincial do Partido Popular de Pontevedra

"Eres un ejemplo a seguir y te queremos", gritou alguén entre en público interrompendo o discurso do líder nacional do PP, Mariano Rajoy. Mentres, na gran pantalla do auditorio de Afundación onde se celebraba o congreso provincial do Partido Popular, líase "Benvido a túa Cidade, Benvido a túa Casa".

O presidente do Goberno en funcións visitou Pontevedra por primeira vez desde que o pasado 22 de febreiro foi nomeado persoa non grata e asegurou sentirse "estupendamente porque esta es mi casa".

Acompañado da súa muller, Elvira Fernández, o presidente popular entrou na cidade de Lérez entre unhas inusitadas medidas de seguridade. Certamente o dispositivo policial tiña máis presente que o propio Rajoy a puñada recibida nestas rúas, sobre todo, porque o presidente non puxo reparos en volver facerse selfies con quen se achegou a el. Fundamentalmente, militantes do PP.

"Os agradezco de corazón vuestro apoyo; a vosotros y a otros que no están aquí. Me considero pontevedrés, soy de Pontevedra, y estoy orgulloso y feliz. Estudié en el Sánchez Cantón, ahí al lado, aquí me he casado, aquí voy a vivir y a morir dentro de muchísimos años", proclamou.

"Gracias por vuestra lealtad, una cualidad sin la que no es posible hacer política", trasladou, antes de lembrar que milita no PP de Pontevedra "desde tiempo inmemorial" e sinalar que esta é a cidade onde botou raíces.

"Muchísimas gracias a todos; soy pontevedrés y voy a conseguir que esta condecoración que con tan poca generosidad tuvieron a bien concederme, me la retiren", sentenciou o líder do PP. Sobre, a prórroga de Ence, que motivou a declaración aprobada polo Concello non dixo nada.

RUEDA

Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e número dous do PP galego desde 2006, foi elixido hoxe novo líder do partido na provincia de Pontevedra en substitución de Rafael Louzán tras 16 anos no cargo.

Rueda recibiu o respaldo do 97,14% dos votos no congreso provincial de Pontevedra.

No seu discurso o novo presidente do PP de Pontevedra presionou a Alberto Núñez Feijóo para que se volva a presentar como candidato popular ás eleccións autonómicas e deslizou que o conclave autonómico dos populares galegos, onde se decidirá o futuro do líder do PPdeG, será no mes de maio.

"O PP PERDE A LOUZÁN PERO MARI TERE GAÑA UN MARIDO"

O outro protagonista do congreso do PP foi o presidente saínte Rafael Louzán, cuxa traxectoria foi lembrada nun vídeo que incluía o testemuño da súa muller María Teresa Cores, que afirmaba que todos os seus amigos dicíanlle "el PP pierde a Louzán pero Mari Tere gana un marido".

A súa marcha é tamén unha retirada da política para dedicarse ao fútbol, como presidente da Federación Galega. Antes de irse Louzán sumouse ao sentir xeral do congreso ao reclamarlle a Feijóo que permaneza en Galicia. "Alberto, te necesitamos", afirmou, interrompido polo aplauso do auditorio. "En el futuro estás llamado a grandes retos, porque sencillamente te los mereces".