Raimundo González: "O que se está a investigar son as andanzas dalgunhas empresas"

Pontevedra
18 de febreiro 2014

Membros da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Xefatura Superior de Policía de Galicia, recolleron tres expedientes sobre os contratos de reforma da rúa Santa Clara, da Avenida de Lugo e a contratación dunha carroza para a Cabalgata de Reis, patrocinada pola empresa Eiriña SL

Os axentes da Unidad de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) levaron diversa documentación
Os axentes da Unidad de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) levaron diversa documentación / Mónica Patxot

Os funcionarios do Corpo de Policía remataron a súa tarefa na Deputación en torno ás 14:00 horas para dirixirse a efectuar similares dilixencias ao Concello de Pontevedra.

Mentres que membros da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) da Xefatura Superior de Policía de Galicia, permanecían na sede da Deputación, dous axentes da Policía Nacional adscritos á Comisaría de Vigo acudiron arredor da 13:00 horas ata as oficinas do Concello de Pontevedra para preguntar por tres expedientes relacionados coa empresa Eiriña para proceder á súa custodia ata que os axentes xudiciais rematasen co seu traballo en Deputación e acudisen ás oficinas municipais, unha circunstancia que se produciu en torno á 14:00 horas.

O voceiro do goberno local, Raimundo González, convocou unha rolda de prensa de urxencia para informar de "o pouco que se pode dicir" xa que estas actuacións, no marco da denominada Operación Patos, foron declaradas secretas, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Raimundo González indicou que "aquí se está a preguntar pola empresa Eiriña no marco desta Operación Patos que o que está a investigar son as andanzas dalgunhas empresas".

"Polo que ao goberno local respecta prestamos e seguiremos prestando a máxima colaboración, como sempre dixemos", dixo o voceiro municipal "é un exercicio de democracia esta investigación. A partir de aí, nós non tiramos ningunha conclusión, favorable nin desfavorable nin nada".

Recolleron tres expedientes sobre os contratos de reforma da rúa Santa Clara, da Avenida de Lugo e a contratación dunha carroza para a Cabalgata de Reis, patrocinada pola empresa Eiriña SL

No Concello tiveron noticia polos medios de comunicación unha vez que trascenderon os rexistros na Deputación "ninguén foi requirido, ofrecéuselles colaboración e acompañóuselles a todas as dependencias ás que quixeron acudir, sen ningún problema".

Aínda que o concelleiro non quixo confirmar este extremo, outras fontes municipais confirmaron a PontevedraViva que os axentes recolleron tres expedientes sobre os contratos de reforma da rúa Santa Clara, da Avenida de Lugo e a contratación dunha carroza para a Cabalgata de Reis, patrocinada pola empresa Eiriña SL.

Ás 15:00 horas concluíu a inspección nas oficinas do Concello de Pontevedra.

O rexistro das dependencias municipais da rúa Michelena sorprendeu ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no transcurso dun programa radiofónico en directo en COPE Pontevedra, declarando ao respecto que "non me preocupa nada" porque afirmou que no goberno municipal "non temos nada que ocultar".

Matizou que no caso da empresa Cespa, concesionaria do servizo de limpeza, non se asinou contrato ningún, xa que o actual data de 1999, sendo alcalde Juan Luis Pedrosa (PP) e o resto de contratacións "son públicas e notorias".

"Que veñan a ver o que queiran, se é que teñen que velo ", concluíu.

Arquivado en