Daniel Lorenzo e Rafael Rúa son empresarios hostaleiros en Pontevedra. O primeiro é desde 2021 presidente de Hoempo e o segundo, vicepresidente. Lorenzo acaba de anunciar a súa renuncia á devandita responsabilidade quedando temporalmente no seu lugar Rúa.
Daniel dás un paso atrás para que outros compañeiros da hostalería continúen co traballo da directiva. Por que esta decisión?
(Daniel Lorenzo) Déixoo por motivos persoais que me impiden dedicarlle á asociación todo o tempo que debe e se merece. Déixoo en boas mans ata que se convoquen unhas eleccións e haxa un presidente entre as persoas que se queiran presentar e renóvese a directiva.
Significa que non terás vinculación con Hoempo?
(Daniel Lorenzo) Non, eu seguirei na asociación, pero sen cargos na directiva e continuarei coa miña actividade. Creo que nacín hostaleiro e morrerei sendo hostaleiro.
Este baleiro na presidencia da asociación a toma temporalmente Rafael Rúa. Xa hai data para convocar esas eleccións e renovar a directiva?
(Rafael Rúa) De momento, non hai data sinalada para convocalas. Esperaremos a que pase o verán porque se xa reunirnos nas asembleas non é fácil, nestes meses resultaría máis complicado. Son en total sete cargos os que se renovarán. Presidente, vicepresidente, secretario, tesoureiro e tres vocais.
Cantos asociaciados hai actualmente en Hoempo?
(Rafael e Daniel) Agora somos 81 socios de diferentes tipos de establecementos do sector. A maioría de Pontevedra, pero tamén se sumaron no seu momento de Poio, Marín, Sanxenxo e Vigo aínda que estes dous últimos foron máis que nada testemuñais naquela etapa tan complicada durante e tras a pandemia.
Xa que falades de pandemia. Hoempo creouse en 2016. O momento máis difícil no sector (e por extensión na asociación) foi aquel peche obrigado de 2020 e tratar de remontar seguidamente. No último ano ese debate xerado pola aplicación ou reformulación do Peprica tamén supuxo tensións?
(Daniel Lorenzo) Houbo un boom despois dos momentos peores da pandemia, daquela unha estabilización e nesta época de verán as cousas volven subir. Normalizouse todo bastante. Temos agora que centrarnos no positivo e dedicarnos a traballar e unir forzas para que todo siga fluíndo positivamente.
Insisto nesta última parte porque repunta o debate sobre a actividade do lecer nocturno e o descanso da poboación que reside nestas zonas. Quérense cambiar hábitos?
(Rafael Rúa) Neste tema non se pode culpar a ninguén, porque ninguén é culpable. Creo que é unha mestura de todo e un feito para min importante é que hai menos xente nova e máis de maior idade e esta poboación non quere ruído. Penso que ninguén quere desfacerse dun sector que é importantísimo na economía.
(Daniel Lorenzo) Non somos iguais a outros países europeos. É mái,s creo que envexan a nosa forma de ser, o noso clima, a nosa forma de vivir... e de feito veñen vivir aquí. Non hai que ver o de fóra como o mellor, se vivimos nun paraíso e no caso concreto de Pontevedra, témolo todo a man, pódese saír sen necesidade de coller o coche para saír a tomar algo, a cear e logo tomar unha primeira copa ou unha última copa. En definitiva, entre todos temos que contribuír a que se faga ben e funcione ben. Non podemos perder isto.
Retomando o futuro da asociación, unha vez que se produza a substitución directiva, hai intención de expor cambios na liña de actuación, novos obxectivos?
(Rafael Rúa) Non, Dani fíxoo moi ben e deixa o pabelllón moi alto. Sempre hai críticas e en ocasións cuestionan que non se fai nada e non é certo. Hai moito traballo detrás que non se ve e que mesmo conleva restar tempo ao teu negocio. Faise ademais, non xa sen beneficio - económico quero dicir -, senón mesmo xerando gasto. E aquí teño que puntualizar que en Hoempo non se pagan cotas; certo que nalgún momento houbo doazóns dalgún que outro socio, pero aquí non se pagan cotas.
De momento pasas a ser presidente temporal, pero serás candidato a presidir Hoempo?
(Rafael Rúa) Si, e repito, considero que Dani fíxoo moi ben. Pola miña banda vou tentar que haxa máis unión porque creo somos o único sector onde non hai unión, non sei reponder a un por que, non o entendo, porque uns levamos a outros. Somos unha cadea e non só entre os negocios de hostalería. A finalidade é para todos a mesma: tentar ter xente, que a cidade tire para arriba e que veña xente de fóra.
Poñémonos neste verán e as festas da Peregrina que xa están ás portas, como vos está resultando e como esperades sexan estes próximos días?
(Daniel Lorenzo) En canto a rendemento económico está a ser como sempre. Certo que se ve moita xente de fóra, pero en rendemento non se está notando.
(Rafael Rúa) Eu tampouco e creo que ninguén, falando con compañeiros doutros locais é o mesmo. Teño un local en Marín e é igual, sacando as festas do Carme. Trabállase ben, pero non hai un repunte.
(Daniel Lorenzo) A primeira quincena de agosto adoita ser unha quincena boa e creo que ata despois de Feira Franca vai ser moi boa. Mesmo, o ano pasado, setembro tamén foi bo e creo que este pode ser igual ou mellor, hai que ser positivos e pensar así.
Imos co emprego que sodes un sector do que tamén se está falando moito. Esta semana, desde a construción queixábanse de que teñen problemas para ocupar a súa oferta laboral e en hostalería tamén se escoita o mesmo...
(Daniel Lorenzo) Penso que é un problema global. Falta persoal na construción, pero tamén ves que faltan médicos, faltan profesores etc... cal é a solución?, Eu non o sei, hai persoas que cobran moito para buscar esa solución; igual é que todo o mundo quere ese traballo, pero non pode ser.
(Rafael Rúa) Iso é, a miña muller ten un salón de peiteado e non atopa persoal. Habería que poñer unha coroa á hostalería porque damos oportunidades de traballo a persoas sen formación.
(Daniel Lorenzo) O meu socio e eu sempre o dicimos, a hostalería pagou moitas carreiras. Instruímos a persoas sen preparación que logo ademais serviulles para outros traballos.