Rafael Louzán e Luisa Piñeiro, condenados a dous anos de prisión e oito de inhabilitación para cargo público por prevaricación e fraude

Pontevedra
05 de febreiro 2021
Actualizado: 17:59

O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra conclúe que a Deputación presidida por Louzán concedeu unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña que xa estaban, no seu maior parte, executadas con anterioridade. Un total de oito persoas resultan condenadas nesta causa

Luisa Piñeiro e Rafael Louzán no banco dos acusados
Luisa Piñeiro e Rafael Louzán no banco dos acusados / Beatriz Císcar / POOL

O ex presidente da  Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación  Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e a ex alcaldesa de Moraña e actual delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, deberán cumprir dous anos de prisión e quedan inhabilitados para exercer calquera emprego ou cargo público durante oito anos. 

Así o impón unha sentenza condenatoria que acaba de emitir o Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra, que o pasado mes de novembro xulgou a Louzán, Piñeiro; o responsable da empresa  Eiriña, Enrique Alonso Pais; a súa man dereita, Jaime  Alvariñas; o entón director de infraestruturas da  Deputación, Manuel González Juanatey; o administrador da empresa Canalizaciones y Construcciones Salnés SL, D.G.F.; o administrador de Construcciones Enrique Casas, M.R.O; e, un arquitecto, D.A.L.O. Todos acabaron condenados. 

A sentenza non é firme e hai opción de interpoñer recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, pero en todo caso, si poderá implicar de forma inmediata medidas relacionadas con Luisa Piñeiro, pois queda inhabilitada para exercer o seu actual cargo como delegada territorial da Xunta, para o que foi nomeada pola Xunta de Galicia do PP o pasado mes de setembro, tan só dous meses antes do xuízo.

Esta condena é resultado dunha causa que ten a súa orixe nunha peza separada da denominada operación Patos e que levou ante a xuíza irregularidades nas obras do campo de fútbol de Moraña candod Luisa Piñeiro era alcaldesa

Finalmente, a xuíza concluíu que a Deputación presidida por Louzán concedeu unha subvención de 86.311 euros para realizar unhas obras de mellora do campo de fútbol de Moraña que xa estaban, no seu maior parte, executadas con anterioridade.

Louzán foi condenado como autor dun delito de prevaricación, en concurso cun delito de fraude, mentres que Luisa Piñeiro e  Manuel González Juanatey foron condenados como  cooperadores necesarios do delito de prevaricación e autores dun delito de fraude. Os tres teñen idéntica pena de inhabilitación e prisión.

Tamén dous anos de prisión deberán cumprir o administrador e un empregado de  Eiriña e o arquitecto que asinou o proxecto. No seu caso, non quedan inhabilitados para exercer cargo público, pero si para obter subvencións e axudas públicas durante catro anos.

Os outros acusados terán unha condena menor, un ano de prisión e a dous anos de inhabilitación para obter axudas públicas. Trátase dun dos donos das dúas construtoras que accederon a participar no procedemento negociado sen publicidade sabendo que se trataba "dun mero trámite" para adxudicar a obra a unha determinada empresa. 

A xuíza considera probado que a  Deputación adxudicou a obra para instalar herba artificial no campo de fútbol de Moraña en 2011 á construtora  Eiriña e que, debido a unha certificación, a actuación aumentou o seu custo en 86.816 euros. Ao tratarse dunha obra executada con subvención, a lexislación impedía pasar o importe subvencionado, polo que "se ideou un sistema  artificioso, en fraude de lei, tendente a abonar á empresa o importe que reclamaba". É xusto a tese que sostiña a Fiscalía.

A sentenza conclúe que, unha vez denegada a posibilidade de aumentar o custo das obras iniciais, "buscáronse alternativas para pagar esa certificación, creándose o proxecto de mellora en vestiarios e bancada do campo de  futbol"

Desta forma, en 2013, o presidente da  Deputación, o director de Infraestruturas, o administrador da empresa, a alcaldesa de Moraña e un arquitecto puxéronse de acordo e adxudicaron de forma irregular outra obra á mesma construtora por ese mesmo importe. O novo proxecto contemplaba as melloras no vestiario e as bancadas do campo de fútbol, a pesar de que parte delas xa foran realizadas.

 A xuíza, Julia Monteagudo Limeres, destaca que Louzán "sabía de primeira man", por visitar o campo con motivo do anterior proxecto, que a maioría das obras para as que aprobou unha nova subvención xa estaban executadas, e sostén que a súa conduta "evidencia unha vontade manifesta en contra da legalidade, sabendo que a subvención que concede é claramente arbitraria e contraria a dereito".

En canto ao papel da ex alcaldesa de Moraña, a xuíza tamén destaca que pediu a subvención á Deputación "con coñecemento de que as obras para as que a solicitaba, polo menos a maior parte, xa estaban executadas".

A maxistrada engade que o arquitecto "se limitou a asinar o proxecto e certificacións" e que o director de infraestruturas da Deputación, "buscou o encaixe da operación, indicando mesmo a que arquitecto como asinante do proxecto debían acudir". 

A maxistrada sustenta a súa decisión en escóitalas telefónicas practicadas e na documentación que levou a xuízo a Fiscalía e, como parte da súa sentenza, ordena comisar os 86.311 euros cobrados pola empresa con motivo do segundo proxecto e tamén a cantidade cobrada polo arquitecto.