Rafa Domínguez, presidente do Partido Popular de Pontevedra, trasladaba este xoves o agarimo da súa agrupación á contorna de Benito González, a persoa falecida no incendio que se xeraba no interior das antigas instalacións de Pontesa. "Todos os que o coñecían dicían que era unha persoa magnífica", apuntou.
A continuación, reclamou unha investigación desde todos os ámbitos para aclarar e depurar responsabilidades, "desde Fiscalía, Xunta, Estado e desde o Concello". Pero ademais convidou a facer unha reflexión porque "parece pouco crible que o alcalde de Pontevedra non soubese nada do que estaba alí sucedendo".
Indicou que é necesario investigar porque a situación da nave de Pontesa foi tratada en pleno e en diferentes comisións, case todos os meses, co obxectivo de analizar a desafección dos terreos de Pontesa e "estráñame, deixémolo aí, que no Concello de Pontevedra ninguén soubese o que alí se estaba facendo".
Explicou que o grupo municipal do PP non mantivera contacto algún co Grupo Nogar, empresa que almacenaba alí cereais. Unicamente, explicou Rafa Domínguez, trasladáronse as condolencias á familia e ao grupo municipal.
"Non falei e non me compete a min falar cun empresario que sufriu un incendio", engadiu para apuntar que "parece que as condicións non eran as máis adecuadas pero hai que ser serios e esperar aos informes".