Rafa Domínguez sobre o acto de agresión ao coordinador local de Vox: "Es tan condenable como el de Rajoy"

Pontevedra
11 de marzo 2019

O portavoz do grupo municipal do PP e candidato á alcaldía presentaba este luns a proposta electoral de establecer 'licencias exprés' para que estes documentos se tramiten nun máximo de tres meses. Domínguez quere crear tamén máis prazas de funcionarios municipais 

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP
Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP / PontevedraViva

Rafa Domínguez, portavoz do grupo municipal do PP e candidato popular á alcaldía, cualificaba de "terrorífico" e "deleznable" o último asasinato machista, que se rexistraba no municipio pontevedrés de Valga. "Non hai palabras para un evento tan atroz", manifestou.

O representante do Partido Popular tamén condenaba a agresión ao coordinador local de Vox este sábado ante o Mercado de Abastos. Indicou que xa se solidarizara coa vítima por Twitter. Ademais, Rafa Domínguez afirmaba que "o que non pode ser é que alguén te agrida por ideoloxía política.

"Puedo estar en desacuerdo con el BNG pero no se me ocurre agredirlo", apuntou para asegurar que a violencia non ten cabida en ningunha das súas formas e lamentou que se está facendo habitual ver agresións e violencia nun clima cada vez máis exasperado.

Neste sentido, o candidato popular manifestou que botara de menos a condena doutros partidos á agresión realizada polo mozo que tamén propinara unha puñada a Mariano Rajoy. "Condeno este acto repulsivo. Es tan condenable éste como el de Mariano Rajoy. Es un atentado a la democracia de todos", apuntou Domínguez.

'LICENZA EXPRÉS'

Estas declaracións eran realizadas polo representante popular durante a presentación dunha proposta electoral se logra a alcaldía. Domínguez quere que se poñan en marcha as "licenzas exprés", que limiten a tramitación do 90% destes documentos a un máximo de tres meses. Afirma que a actual lentitude nestes procesos frea a actividade económica e empresarial.

Para poñer en marcha esta iniciativa, o líder popular promete que os seus concelleiros se implicarían para incentivar a aceleración nas licenzas; incrementaría o persoal coa creación de novas prazas de funcionariado municipal tras negociar cos representantes sindicais; resolvería o conflito laboral actual e potenciaría as entidades de certificación de conformidade municipal para as licenzas ligadas a actividades económicas.

O presidente local do PP lamentou o "desdén" dos concelleiros do equipo de goberno e a escaseza de funcionarios actual, que mantén "sobrecargado" o servizo de tramitación de licenzas.

Arquivado en