Rafa Domínguez, sobre a inseguridade cidadá: "Un día vai haber un desgusto pola pasividade de Lores"

Pontevedra
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O líder do PP visitou as galerías Oliva a fixo un repaso polo "problema de seguridade grave nas nosas rúas" que detecta nos últimos tempos. Acusa o alcalde de que "non está a facer absolutamente nada" ante os "incumprimentos continuos" da lei

Visita de representantes do PP ás galerías da Oliva para reunirse con comerciantes
Visita de representantes do PP ás galerías da Oliva para reunirse con comerciantes / PontevedraViva

A iniciativa dos comerciantes e veciños das galerías Oliva para recoller firmas pola falta de seguridade e limpeza na zona calou no Partido Popular de Pontevedra e este xoves o seu portavoz, Rafa Domínguez, realizou un percorrido por esta área comercial para analizar a situación e darlles o seu apoio

Domínguez fixo un repaso polo "problema de seguridade grave nas nosas rúas" que detecta nos últimos tempos. Así, ao roubo e a falta de seguridade e ameazas nas galerías, suma a situación que se vive na Ferrería ou Augusto García Sánchez (Campolongo) e que hai unhas semanas un peregrino francés recibiu unhas malleira. 

Á vista de toda esta situación, o líder do PP augura "un día vai haber un desgusto pola pasividade de Lores". Así, acusa o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que "non está a facer absolutamente nada por manter o primeiro que ten que ter unha cidade que é protexer a seguridade dos seus cidadáns e manter a lei".

Domínguez denuncia "incumprimentos continuos" da Lei de consumo de alcol e drogas na vía pública e tamén ameazas "continuas e reiteradas" e sostén que "este non é o modelo de cidade que quero para Pontevedra", pois asegura que non se protexe aos cidadáns e "queda unha pésima imaxe para todos aqueles que queren vir vernos". 

Tras manter un encontro cun grupo de comerciantes, Domínguez insistiu en pedir ter acceso á Xunta Local de Seguridade que se celebrará este venres e "que se tomen medidas inmediatamente". 

Ademais, insta a Lores a que se reúna cos veciños da Ferrería e Campolongo e cos comerciantes das galerías, que el lle trasladaron o "sufrimento que teñen que pasar día a día por unha situación que o señor Lores non só mantén senón que evita resolver".

O presidente dos comerciantes das galerías, Antonio Santiago, sinalou que agradecen "o apoio de todos" á súa iniciativa, que busca "sacar esta esta secuela de encima e que volva toda a normalidade dar unha imaxe á cidade un pouquiño máis decente do que estaba a ver agora". 

Outro comerciante, Dionisio Rivas, relatou a situación de inseguridade e sucidade que viven porque persoas toxicómanas "déitanse aquí nas esquinas da galerías" e "fan as súas necesidades", de tal modo que "a xente ten medo e non pasa".