Rafa Domínguez reúnese con representantes do comercio local para fomentar o desenvolvemento sostible na cidade

Pontevedra
13 de abril 2023

O presidente local do Partido Popular de Pontevedra, duante o encontro, quere mellorar a accesibilidade e mobilidade nas zonas comerciais de Pontevedra. Indica que quere implementar medidas fiscais para incentivar a creación de emprego e mellorar a iluminación e a limpeza

Rafa Domínguez, candidato do PP, durante o encontro con comerciantes
Rafa Domínguez, candidato do PP, durante o encontro con comerciantes /

Rafa Domínguez, presidente local do PP e candidato á alcaldía, reuníase nas últimas horas con representantes do comercio local para explicar a súa proposta comercial para Pontevedra. Medio centenar de comerciantes da cidade asistiron a esta cita, que terá continuidade en próximas sesións. 

A intención dos populares é revitalizar a economía local e promover o desenvolvemento sostible da cidade. Neste sentido, Domínguez mostrouse partidario de colaborar co sector empresarial para lograr un crecemento económico e a mellora da calidade de vida. Para logralo considera necesario crear un marco favorable para o comercio local con medidas que permitan competir en igualdade de condicións coas grandes cadeas comerciais.

Prometeu manterse en comunicación diaria con "todo aquel que viva e traballe na nosa cidade e así atender as súas necesidades e demandas". Lembrou que o goberno local de Fernández Lores esqueceuse do contrato das luces de Nadal afectando á economía da cidade.

Rafa Domínguez propuxo mellorar a accesibilidade e mobilidade en zonas comerciais; creación de varios aparcamentos disuasorios conectados co centro da cidade mediante buses lanzadeira gratuítos; mellora de iluminación e limpeza; e a posta en marcha de medidas fiscais para crear emprego e desenvolvemento empresarial. Tamén aposta por campañas para fomentar o consumo responsable e a economía circular.

Os representantes do comercio local atenderon ás iniciativas do candidato popular, que anuncia próximos encontros co comercio local e con representantes da actividade económica na cidade.