O portavoz do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, solicitou a reactivación "inmediata" do proxecto de dragaxe do río Lérez, unha actuación que Portos de Galicia deixou en suspenso condicionándoa a que se logre un consenso co sector marisqueiro.
"É urxente tanto para o sector do mar como para o turístico", asegura Domínguez.
O edil e candidato popular móstrase "convencido de que se pode atopar o modo de que este proxecto salga adiante" cunha solución pactada co sector do mar da ría de Pontevedra, tanto cos depósitos do fondo da ría como cos bateeiros e navalleiros.
"Sen calado, o Lérez e a súa desembocadura non están a explotar todo o seu potencial. Hai que tratar de sumar, redobrar os esforzos e non deixar este proxecto no dique seco", argumenta Rafa Domínguez.
Na súa explicación o representante do PP engade que a dragaxe permitiría mellorar o calado para os barcos recreativos, con beneficio en termos turísticos, e tamén rexenerar algúns bancos marisqueiros que non están a ser aproveitados.