O candidato do Partido Popular á alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, entende que a cidade vive de costas á ría, unha situación que considera unha "anomalía urbanística". Neste sentido, o popular utiliza os exemplos de municipios como A Coruña, Porto ou San Sebastián que teñen os espazos máis privilexiados nas súas zonas fronte ao mar.
Domínguez quere utilizar focos de atracción na contorna da ría e do Lérez para que a xente asista a estes espazos para realizar actividades. En primeiro lugar aposta por unhas augas limpas e saudables, polo que entende que é necesario realizar un investimento de medio millón de euros durante oito anos para mellorar a rede de sumidoiros e eliminar as filtracións.
Ademais, o candidato do PP avanzou que hai un compromiso da Xunta de Galicia para que en 2020 se afronte o dragado da ría cun investimento de 3 millóns de euros. Segundo Domínguez, a conselleira do Mar, Rosa Quintana implicouse para resolver o problema das verteduras dos lodos que se retirarán.
PROXECTOS ARQUITECTÓNICOS
Rafa Domínguez presentou os seus proxectos arquitectónicos no fondo da ría. A súa proposta establece unha reforma da zona de Corbaceiras nas proximidades ao Gremio de Mareantes, cunha reordenación das prazas de aparcadoiro e a creación dun espazo para a instalación de locais comerciais relacionados principalmente coa hostelería. O proxecto gañaría espazo ao mar e ascendería a 2 millóns e medio de euros. Executaríase nun período de 24 meses.
A outra proposta do representante popular céntrase na creación dunha Escola de Vela próxima ao Club Naval. A idea é establecer un convenio con colexios públicos para que poidan practicar este deporte. Nas instalacións tamén se habilitaría un espazo para os clubs de piragüismo. O proxecto, que tamén gañaría espazo ao mar, situaríase en 2 millóns e medio de euros cun prazo para acometelo de ao redor de 36 meses.
Por último, o outro proxecto urbanístico acometeríase no aparcadoiro disuasorio situado ante o Pavillón dos Deportes. Neste espazo crearíase un parque sobreelevado baixo o que se situarían dous andares con 540 prazas de aparcadoiro, que resultaría gratuíto durante as primeiras 12 horas de estacionamento. Esta proposta contaría cunha pasarela cuberta que cruce desde o río e una esta zona co mercado de abastos. O proxecto ascendería a 4 millóns de euros e o prazo para realizalo sería de 36 meses.
Segundo explicaba Rafa Domínguez todas estas propostas son legais. Afirmou que non ten a mínima dúbida de que se poden acadar acordos en referencia ás administracións competentes en materia de Costas. Neste sentido sinalaba que se o concelleiro de Obras Demetrio Gómez anunciou que se vai asfaltar o aparcadoiro disuasorio ante o Pavillón, Costas tamén vai deixar levar a cabo este proxecto. "Está todo estudiado", sinalou.
Domínguez apuntou que é necesario que Pontevedra se abra á ría e indicou que, agás no caso da reforma da contorna do Gremio de Mareantes, o resto de proxectos non se ven afectados visualmente pola presenza da fábrica de Ence.