Rafa Domínguez propón ampliar a media hora a zona de servizos e descarta autorizar centros comerciais

Pontevedra
01 de febreiro 2019

O candidato do PP presentou un plan de medidas para reactivar o pequeno comercio da cidade que inclúe, entre outras, ampliar a trinta minutos o estacionamento de servizos, crear un banco de locais comerciais ou axudas para mellorar a súa competitividade

Visita de Rafa Domínguez a un local comercial de Pontevedra
Visita de Rafa Domínguez a un local comercial de Pontevedra /

"No lo veo". Así respondeu Rafa Domínguez á posibilidade de que, se logra ser alcalde de Pontevedra tras as eleccións de maio, puidese chegar a autorizar grandes centros comerciais na cidade. É unha opción, dixo, que non contemplou "en ningún momento".

Estas declaracións foron o colofón á rolda de prensa na que o candidato do PP presentou un paquete de sete medidas coa que axudar ao desenvolvemento e sustentabilidade do comercio local en Pontevedra, unha actividade que ve "fundamental" para o municipio e á que desde o Concello débeselle ofrecer "facilidades".

Domínguez explicou que, en primeiro lugar, o plan fiscal que presentará nas próximas semanas incluirá a baixada do IBI e da viñeta, das que "se podrá aprovechar" o comercio; ou que a implantación do transporte urbano e metropolitano fará que veciños das parroquias ou outros municipios "tengan más fácil" facer as súas compras na cidade.

O candidato popular ampliaría a media hora o tempo para aparcar nas zonas reservadas para servizos, un sistema que ve "beneficioso"; a creación dun gran aparcadoiro disuasorio e mellorar os actuais, ao entender como "fundamental" a súa existencia; ou negociar cos comerciais e parkings da cidade establecer descontos por facer compras.

En materia de formación, pola súa banda, Rafa Domínguez suxire impulsar cursos gratuítos de escaparatismo, en fachadas, contabilidade e en novas tecnoloxías para "facer máis atractivo" o comercio local; e en medidas de posicionamento dixital, establecer axudas á innovación e á creación de tendas online ou potenciar o comercio electrónico e o márketing dixital.

O líder do PP propón "manter e mellorar" o camiño emprendido polo Concello para dinamizar zonas comerciais con campañas como A pé de rúa ou Pontevedra Capital Shopping, ao que se sumarían axudas á accesibilidade, modernización ou reforma dos locais, que poderían chegar ao 50% do valor do investimento ata un máximo de 3.000 euros por comercio.

Unha das súas grandes iniciativas é a creación dun banco de baixos comerciais, que consiste na creación dun rexistro e inscrición de locais baleiros e a intermediación entre propietarios e emprendedores. Ademais, inclúense accións para mellorar a súa imaxe externa, en colaboración con Belas Artes, ou axudas a fondo perdido para seguros que cubran eventual falta de pagamentos ou danos nos inmobles.

A oficina do comerciante é, segundo Domínguez, a última gran proposta para o comercio local, que se crearía para axudar aos comerciantes "en cualquier gestión que tengan que hacer", reducindo ademais os tempos de espera para obter licenzas ou axudando na captación de fondos e subvencións doutras administracións.

O candidato do PP á Alcaldía entende que son ideas "coherentes y realizables" para potenciar o comercio local de Pontevedra.

Arquivado en