Rafa Domínguez promete ata 5.000 euros en axudas para deportistas da cidade

Pontevedra
20 de abril 2023

O presidente do Partido Popular e candidato á alcaldía recibiu este mércores a dúas novas promesas do deporte local: o taekwondista Roi Fraga e a regatista Natalia Domínguez

Recepción de Rafa Domínguez aos deportistas Roi Fraga e Natalia Domínguez
Recepción de Rafa Domínguez aos deportistas Roi Fraga e Natalia Domínguez / Partido Popular de Pontevedra

O presidente local do Partido Popular de Pontevedra e candidato á alcaldía, Rafa Domínguez, recibiu este mércores a dous prometedores deportistas locais, o taekwondista Roi Fraga García-Corona e a regatista Natalia Domínguez Portela.

O cadete Roi Fraga, número 1 da clasificación galega de taekwondo e medallista de ouro no Open de Holanda, é agora o número 60 do ranking mundial. Ademais, a súa irmá Nora, tamén promete ser unha gran deportista, xa que, a pesar da súa curta idade, xa é campioa galega na categoría promesas.

Natalia Domínguez, pola súa banda, é campioa galega de vela na clase optimist e recentemente gañou o título de campioa de España feminina na mesma categoría.

Domínguez, nun pequeno coloquio que realizou despois da recepción, anunciou que, en caso de ser elixido alcalde, poñerá en marcha unha liña de axudas para deportistas individuais. Esta liña de axuda proporcionará ata 5.000 euros ao ano a cada deportista e un crédito total de 120.000 euros para contribuír “ao seu desenvolvemento como deportistas e axudar a cumprir os seus soños”.

O candidato explicou que “queremos demostrar o noso compromiso cos novos deportistas de Pontevedra e fomentar o desenvolvemento do deporte na cidade”. 

Para Domínguez, Roi e Natalia son dous exemplos “do que nós queremos para o deporte local de Pontevedra. Un deporte centrado nas categorías de base, cun Concello que se envorque coa súa formación, que lles apoie tamén economicamente e que facilite o seu crecemento con máis e mellores instalacións deportivas e con máis e mellores iniciativas deportivas".