Sumar esforzos para resolver unha problemática "que afecta a toda a cidade". É o obxectivo da proposta que Rafa Domínguez fai ao líder dos socialistas, Iván Puentes. Ofrécelle un acordo para "reabrir xa" a rúa Raíña Vitoria.
Domínguez lembra que ambos os partidos, PP e PSdeG-PSOE, prometían reverter o peche desta avenida, unha demanda "amplamente apoiada" pola cidadanía.
"Estamos dispostos a apoiar calquera circunstancia que supoña a reapertura inmediata do vial", declarou o dirixente popular.
Sostén o portavoz do PP que as diferenzas políticas "non poden ser un obstáculo para o beneficio dos cidadáns", polo que manifesta a súa disposición para establecer conversacións co PSOE para alcanzar un acordo que permita a apertura inmediata desta vía.
O candidato popular criticou o posible "pacto de perdedores" entre o PSOE e o BNG, argumentando que esta alianza "non representa os intereses dos pontevedreses nin contribúe a un proxecto de futuro para a cidade".
Asegura que ese pacto representa a continuidade dun "modelo esgotado e sen ideas frescas" para afrontar o futuro de Pontevedra.