O grupo municipal do PP de Pontevedra quere que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, dea explicacións aos pontevedreses sobre o contrato para a xestión dos residuos municipais que ten en licitación o Concello.
O portavoz 'popular', Rafa Domínguez, compareceu este mércores en rolda de prensa para indicar que "Lores ten que saír a dar explicacións" sobre dúas cuestións: o por que de que o contrato ascenda a 13 millóns de euros anuais e cal será o seu impacto no recibo dos cidadáns e cidadás.
Domínguez considera que "o BNG veu fracasando nos últimos anos na xestión de residuos" en Pontevedra en varios aspectos.
O aspecto "máis grave de todos" para Domínguez é o novo contrato terá un custo de 256 millóns de euros a 20 anos, isto é, caso 13 millóns anuais.
Esta cantidade supón un "sobrecusto" con respecto ao contrato actual, de 7 millóns, e tamén con respecto á proposta que presentou o propio Concello en abril de 2022, 10,7 millóns.
Desde o goberno local explicaron que este novo importe, máis elevado que en 2022, débese a quesacaron a licitación o contrato con aquel prezo e quedou deserto porque as empresas do sector non se presentaron ao considerar que o prezo non cubriría os seus custos. Para volver licitalo, tiveron que incrementar o contrato.
Esa explicación non convence a Rafa Domínguez: "non me vale", indicou. Insiste en que "non ten sentido" e "non entendemos" o sobrecusto, de 2,4 millóns en dous anos.
Outro dos motivos polo que o PP considera que o goberno local do BNG fracasou en xestión de residuos é que "a cidade está sucia", unha situación que Domínguez asegura que este Nadal lle causou "bochorno".
Respecto diso, o portavoz dos 'populares' insiste en que "este modelo de cidade non está acompañado dun modelo de limpeza", con problemas no centro, os barrios e as parroquias.
Outro aspecto que cuestionan os 'populares' é que o goberno municipal leva "dez anos sendo incapaz de sacar o contrato de lixo" e "sempre lle bota a culpa aos demais".
Ademais, insiste nunha cuestión que xa criticou no pasado, o contrato asinado para o aluguer de terreos na Canicouva para a construción dunha planta de xestión de residuos.
Os pontevedreses, segundo Domínguez, levan "dez anos pagando polos terreos" a pesar de que "non hai ningún proxecto" e "todos sabemos, e Lores tamén, que non se vai a facer a planta da Canicouva", entre outras cuesiones, porque non ten nin as estradas de acceso nin as instalacións eléctricas precisas.