O candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, esixe ao alcaldable do BNG, Miguel Anxo Fernández Lores un debate a dous como representantes das dúas forzas políticas que el considera que teñen opcións reais de gañar as eleccións municipais do próximo 26 de maio.
Domínguez pide un cara a cara con Lores "cando queira, onde queira e no formato que queira" para poder confrontar ideas e programas sobre o futuro de Pontevedra durante a campaña electoral.
O alcaldable 'popular' sostén que "en Pontevedra, o próximo 26 de maio só haberá dúas opcións: Lores ou eu" e fixo súa a estratexia de campaña do PP a nivel nacional ao asegurar que "calquera voto que non sexa para o Partido Popular vai ser votar ao BNG", como sostivo aínda este sábado nun acto político no Pino (A Coruña) o líder nacional do PP, Pablo Casado, aínda que no seu caso contrapón ao seu partido co PSOE.
Rafa Domínguez considera necesario que os veciños poidan coñecer cales son as propostas dun e doutro e así poder decidir cal é o futuro que queren para Pontevedra: "xogámonos moito e os pontevedreses merecen coñecer cales son as propostas dun e outro candidato".
Na súa opinión, nestas eleccións municipais hai moitos asuntos importantes sobre a mesa, entre os que destaca o emprego e a xeración de oportunidades para os pontevedreses; a atención aos barrios; o coidado do noso rural; a implantación do transporte público ou o sistema de recollida de lixo.
Entre as súas propostas estrela, destaca a de abrir Pontevedra á Ría como fundamental para dinamizar unha das nosas zonas máis emblemáticas, revitalizar un lugar que foi esquecido durante décadas.