Rafa Domínguez, en Mollabao: "Nos parece que el alcalde tiene que estar con los vecinos y no en París"

Pontevedra
28 de novembro 2018

Este mércores, o grupo municipal do Partido Popular presentaba unha moción para instar o goberno local a que inicie as obras que a veciñanza do barrio de Mollabao demanda desde hai dúas décadas

Aurora Cañizares e Rafa Domínguez, do PP, en Mollabao
Aurora Cañizares e Rafa Domínguez, do PP, en Mollabao / Mónica Patxot

Rafa Domínguez, portavoz do Partido Popular, e a concelleira Aurora Cañizares achegábanse este mércores ata Mollabao para mostrar a súa solidariedade coa veciñanza desta zona da cidade, que os populares consideran que se atopa abandonado polo goberno local de Pontevedra.

Precisamente, nesta mesma xornada o portavoz do grupo municipal presentaba a moción para reclamar o goberno de Fernández Lores que comecen os traballos do proxecto de reforma do barrio pontevedrés.

Ademais, Rafa Domínguez atacou o rexedor municipal por visitar Francia tres veces nos últimos meses mentres non pisou esta zona da cidade: "parécenos que o alcalde ten que estar cos veciños e non en París. Lores vai a París pero os problemas de Pontevedra seguen en Mollabao. É inexplicable. Non pode ser que un barrio a 700 metros da Ferrería, pareza que está a 700 quilómetros".

Sinalou que o atraso na reforma de Mollabao atópase na falta de Plan Xeral de Ordenación Municipal, que impide a creación dun viario. Domínguez afirma que é necesario iniciar unha modificación puntual das obras e que o goberno de Lores non pode culpar a Costas e á Xunta destes atrasos.

Recriminou tamén ao goberno do BNG non dea pasos para a execución das obras. "Parécenos que están a enganar os veciños", indicou para, a continuación, asegurar que, se gaña as eleccións municipais, en menos dun ano as obras de Mollabao están feitas.