Rafa Domínguez denunciará ante a Fiscalía tres contratos do goberno local

Pontevedra
02 de xuño 2021

O presidente dos populares do municipio de Pontevedra e a secretaria xeral, Pepa Pardo, explicaron durante este martes os pasos previstos para as vindeiras semanas coa intención de presentar ante a Fiscalía varios contratos do Concello asociados ao BNG

Rafa Domínguez e Pepa Pardo durante o encontro telemático co Comité Executivo do PP local
Rafa Domínguez e Pepa Pardo durante o encontro telemático co Comité Executivo do PP local / Mónica Patxot

Rafa Domínguez, presidente local do Partido Popular, acompañado por Pepa Pardo, secretaria xeral da agrupación, afirmou na reunión mantida telematicamente co comité executivo do PP pontevedrés que conta cun novo expediente, que aínda non fixo público, sobre irregularidades na xestión do goberno local.

Segundo expuxo, este expediente incorporarase aos contratos do Concello asociados ao BNG que se presentarán ante a Fiscalía para que investigue a súa legalidade.

Fontes próximas ao Partido Popular aseguraron que está previsto que, polo menos, presenten tres contratos. Entre eles atoparíase o do pago por parte do Concello de 20.000 euros á comunidade de montes da Canicouva polo alugueiro dos terreos previstos para a instalación da proxectada planta de compostaxe.

Os populares consideran que o rexeitamento por parte do grupo de goberno formado por BNG e PSOE a crear unha comisión de investigación sobre estas adxudicacións obrígaos a xudicializar os casos.

Segundo indica Rafa Domínguez, "a falta de transparecencia deste goberno obríganos a recorrer ao Ministerio Fiscal. A nosa postura reside na defensa da legalidade e exercer as accións que nos correspondan e como correspondan. O bloqueo a determinada información que mantén o goberno local levounos a esta situación".

En próximas datas, o presidente local trasladará ao comité executivo todos os contratos municipais que teñen previsto presentar finalmente para a súa investigación.

Domínguez tamén se manifestou optimista e "confiado na xustiza" ante a demanda presentada polo ilustrador Kiko da Silva. O representante popular mantén que o debuxante forma parte das listas do BNG e foi o encargado durante máis de dez anos de realizar o deseño dos carteis do Entroido.