Rafa Domínguez declarará o 2 de xuño ante a xustiza pola súa denuncia sobre os carteis do Entroido

Pontevedra
05 de maio 2021
Actualizado: 12:18

O debuxante Kiko da Silva esixe ao partido e ao seu líder en Pontevedra que se retracte e pida desculpas públicas polas acusacións sobre a adxudicación a dedo do deseño dos carteis do entroido por parte do Concello durante os últimos anos. O PP argumenta que non pon en dúbida a legalidade pero si a moralidade do acordo e insisten na adxudicación a dedo de contratos menores a persoas e empresas afíns ao Bloque

Kiko da Silva e Carme da Silva presentan o cartel do Entroido 2019
Kiko da Silva e Carme da Silva presentan o cartel do Entroido 2019 / Mónica Patxot

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, declarará perante o xulgado o 2 de xuño polas súas declaracións sobre os deseños dos carteis do Entroido pontevedrés dos últimos anos, nas que o líder popular cuestionaba que o seu deseño se adxudicou a dedo.

Desde o primeiro momento en que o partido da oposición denunciou esta situación, o debuxante pontevedrés Kiko da Silva saíu ao paso para defender a legalidade do seu traballo e pedir aos populares que non empreguen o seu nome e imaxe na súa loita política contra o BNG.

A pasada semana tivo lugar unha vista previa entre ambas as partes nas que cada un dos bandos ratificou a súa postura, polo que o conflito terá que resolverse nos tribunais. "Seguen nos seus trece", lamenta o autor. Mentres que os populares argumentan que o que poñen en dúbida é a "moralidade" de adxudicar estes encargos durante máis dunha década a unha persoa que ía como número 4 do Bloque ao Parlamento Galego.

"Non dixemos que fora ilegal", puntualizan desde o PP, aínda que deixan consideran que o pago realizado está "axustado" para evitar un concurso público.

O xuízo non fará aos populares modificar o seu discurso e aseguran que seguirán denunciando, xa o fixeron nos últimos meses en máis de catro ocasiones, a adxudicación de contratos menores por parte do Concello de Pontevedra a empresas ou persoas "afíns" ao BNG.

Pola súa banda, da Silva non esixe ningunha indemnización económica. Soamente que Domínguez se retracte e pida desculpas de forma pública. "Non pido cartos, o que pido é que deixe de calumniar e usar a miña persoa física na súa loita contra o BNG", pide o debuxante, que insiste na legalidade dos seus contratos.

Tras a publicación desta nova por PontevedraViva, o presidente do Partido Popular de Pontevedra compareceu en público para contar a súa visión sobre este feito. Rafa Domínguez mostrou a súa "máxima confianza na xustiza" e o seu pleno convencemento de que "as cousas van saír absolutamente ben para min e o Partido Popular de Pontevedra. Ademais, asegurou que "a demanda está  instigada e ordenada polo BNG de Pontevedra".