Rafa Domínguez cualifica de "desastre absoluto" o plan de tráfico para Nadal

Pontevedra
26 de decembro 2024

O portavoz do PP criticou o plan de circulación implementado durante o Nadal asegurando que "o tráfico é un caos constante". O alcalde afirma que esta situación é a "tónica xeral" en todas as cidades

Dispositivo de tráfico en Pontevedra polo Nadal
Dispositivo de tráfico en Pontevedra polo Nadal / Mónica Patxot

Críticas do Partido Popular de Pontevedra ao plan de tráfico implementado durante as festas do Nadal na cidade. Asegura o portavoz local do PP, Rafa Domínguez, que está a ser un "desastre absoluto".

"É moi difícil aparcar. A carencia de aparcadoiros públicos conectados co centro mediante transporte urbano agrava a situación, e o tráfico é un caos constante", afirma Domínguez.

"Estamos a ver como o tráfico en Pontevedra é un horror, e o goberno de Lores parece dicirlle á xente que non veña á nosa cidade, o cal é inaceptable, especialmente nunha época tan importante para o comercio local como o Nadal", asegura o representante da oposición municipal.

Por iso desde o PP piden un plan de tráfico "en condicións".

Entre as medidas que propoñen estarían a creación de aparcadoiros disuasorios mellor conectados co centro mediante autobuses urbanos ou a reapertura de vías que cualifican de estratéxicas como Raíña Vitoria para reducir os atascos.

Ademais solicitan a elaboración dun estudo independente sobre as necesidades reais de tráfico na cidade.

"Sen iso, seguiremos vendo un impacto negativo tanto na calidade de vida dos cidadáns como na actividade dos nosos comerciantes", conclúe o Partido Popular.

LORES: "É A TÓNICA XERAL NAS CIDADES"

Para o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, esta situación é a "tónica xeral" en todas as cidades, nas que nos días centrais de nadal aumenta a afluencia de xente, principalmente para facer as súas últimas compras.

Iso fai que haxa un fluxo de xente "fóra do normal", un asunto que "non se pode resolver", xa que considera que para calquera cidade é "imposible" absorber ese incremento da mobilidade cando o resto do ano hai un tráfico "máis ou menos contido".

Pontevedra, segundo o alcalde, "tomou medidas durante moitos anos" para evitar que a cidade "entre en estrés" polo tráfico e poder afrontar calquera situación provocada por un acontecemento puntual como tamén o son as competicións deportivas.

En todo caso, Fernández Lores destacou que estes días do Nadal as rúas da Boa Vila están "cheas de xente", o que demostra, ao seu xuízo, o dinamismo da cidade. "A sensación que temos é moi boa", sentenciou o rexedor pontevedrés.