Rafa Domínguez cualifica como "lamentable" a carta enviada polo alcalde ao presidente do Goberno

Pontevedra
30 de xaneiro 2020

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, dixo que "echo de menos que le pida a los socialistas que nos devuelvan los 370 millones que nos han robado a los gallegos"

Rafa Domínguez, portavoz do Partido Popular en Pontevedra
Rafa Domínguez, portavoz do Partido Popular en Pontevedra / Cristina Saiz

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular, Rafa Domínguez, valorou como "lamentable" a carta que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, remitiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na que lle empraza a falar dunha serie de compromisos coa cidade e solicitar o seu apoio para "liberar" á ría de Ence.

En cando ao contido da misiva, Rafa Domínguez dixo que "echo de menos que le pida a los socialistas que nos devuelvan los 370 millones que nos han robado a los gallegos".

Refírese o portavoz popular a que Galicia obteña os 200 millóns de euros do IVE de 2017 que lle debe o Goberno central, ademais dos 170 millóns de euros correspondentes a incentivos fiscais que a Xunta reclama.

Nesta liña, Domínguez presentou unha moción para o seu posterior debate no pleno municipal para que instar o Goberno central a abonar a débeda pendente con Galicia. Segundo o PP, "o impacto económico desta decisión de Sánchez afecta directamente o sistema de financiamento autonómico, pero tamén supón unha perda de recursos para os veciños de Pontevedra, polo que esta corporación non pode permanecer allea a esta reivindicación".

O goberno autonómico acaba de anunciar que responderá nos tribunais ao "furto político do goberno de Sánchez, cometido coa complicidade do BNG".

Domínguez pide na moción que o Concello de Pontevedra declare o seu apoio á Xunta de Galicia diante do Goberno central para que este ingrese as contías do Imposto sobre o Valor Engadido non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 e defenda a convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira, cunha orde do día que inclúa un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018.

Ademais, Domínguez criticou que o documento de Lores se centre no cierre de Ence, "una empresa clave en el mermado tejido industrial que tenemos en Pontevedra".

Domínguez afeou ao goberno local que non incluíse a solicitude da paralización das modificacións da Lei de Costas nin a reclamación da gratuidade do tramo da AP-9 entre Pontevedra e Curro.