Rafa Domínguez asegura que ten liberdade para elaborar a listaxe electoral do PP para as municipais

Pontevedra
07 de febreiro 2019

Pepa Pardo será a xefa de campaña e a coordinadora da elaboración do programa electoral dos populares. O vindeiro venres 15 en Monte Porreiro, o candidato popular porá en marcha 'Un café con Rafa', un encontro para coñecer as inquedanzas veciñais

Pepa Pardo, xefa de campaña do PP local, con Rafa Domínguez, candidato
Pepa Pardo, xefa de campaña do PP local, con Rafa Domínguez, candidato / PontevedraViva
Configuración da listaxe para as eleccións municipais do Partido Popular de Pontevedra /

"Con las orejas abiertas", así quere afrontar Rafa Domínguez, o candidato do Partido Popular, a iniciativa que comezará o venres 15 de febreiro en Monte Porreiro e que consistirá en tomar un café con veciños para coñecer as inquietudes e necesidades tanto xerais como particulares dentro dos diferentes barrios de Pontevedra.

O representante popular afirmou que o seu antecesor no cargo, Jacobo Moreira, tentara unha iniciativa similar pero non chegou a funcionar e asegurou que agora se está realizando un labor complexo para que esta proposta resulte un éxito e que teña continuidade, como xa sucede no Partido Popular de Ferrol.

Domínguez anunciaba este xoves que Pepa Pardo, que lle acompañaba na comparecencia, será a xefa de campaña para as eleccións municipais e ademais encargarase de coordinar a elaboración  do programa electoral do PP. Pola súa banda, o concelleiro Gerardo Pérez Puga converterase no xestor de contas da agrupación local.

Pardo anunciaba que o programa se centrará en reactivar o emprego e a economía, en defender o transporte público en condicións para Pontevedra, a extensión da reforma urbana a todos os barrios e o fin do abandono do rural. Espera que estea elaborado a finais do mes de marzo e teranse en conta a todos os sectores sociais e económicos. Están a manter reunións neste sentido para abordar as necesidades de Pontevedra.

Rafa Domínguez afirmou que tanto Alberto Núñez Feijóo como Alfonso Rueda, presidentes autonómico e provincial do PP,  déronlle liberdade para elaborar a lista para estas municipais. O candidato manifestou que se atopa moi contento co traballo que desenvolven os integrantes do seu grupo municipal e explicou que, agás no caso de Tomás Abeigón e de María José Rodríguez  Teso que xa anunciaron que non continuarán, o resto de concelleiros poderían estar na lista definitiva, que se coñecerá antes do 5 de abril. Tamén avanzou que está a manter contactos con outras persoas para formar parte da candidatura.

MANIFESTACIÓN EN MADRID

Ante a manifestación convocada polo Partido Popular e Cidadáns en Madrid para este domingo 10 en contra do goberno de Pedro Sánchez, o presidente local dos populares confirmaba que non poderá acudir porque ten un compromiso coa asociación Pedaladas de Pontevedra para realizar a bicimanifestación.

Domínguez afirmou que están a recibir numerosas chamadas de persoas interesadas en acudir a esta cita anunciada por Pablo Casado e espera que algún representante da agrupación asista a esta convocatoria.

Arquivado en