Rafa Domínguez asegura que Lores e Mosquera "permitiron o espolio cultural e artístico de Santa Clara"

Pontevedra
09 de novembro 2023

O responsable político do Museo lamentou o acordo de compra onde figura que as clarisas poden levarse as pezas que permanecen en custodía e que pertencían ao convento. Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, explicou que foi Patrimonio da Xunta de Galicia quen autorizou ás relixiosa a retirada destas pezas artísticas

Situación do altar maior antes e despois da compra de Santa Clara
Situación do altar maior antes e despois da compra de Santa Clara / Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación, responsable do Museo de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou este xoves que a institución provincial negociará coa congregación relixiosa das clarisas a recuperación do patrimonio cultural e artístico de Santa Clara.

Domínguez criticou que Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e o anterior vicepresidente da Deputación, César Mosquera, permitisen o "saqueo cultural e espolio artístico de Santa Clara". O representante da Deputación asegurou que no acordo de compra estableceuse a retirada dos elementos do interior do convento. 

O Concello de Pontevedra adquiriu Santa Clara por tres millóns de euros coa cesión gratuíta do edificio á Deputación de Pontevedra. Rafa Domínguez centrouse no contido do edificio alertando de que existen elementos dentro do templo que non pertencen á Deputación nin aos pontevedreses e outros que xa non están no convento e perdéronse pola "desidia, incapacidade e neglixencia de Lores e Mosquera", apuntou.

Como era coñecido, existen uns elementos do convento entre os que se atopan o altar maior, os retablos laterais, o púlpito, o altar da Virxe dos Desaparados, o cadeirado do coro ou o órgano, que permanecen dentro do documento de acordo de compra coas clarisas.

O documento admite que as clarisas leven estes elementos que están no convento avisando con vinte días de antelación ou, en caso de non facelo ou de que Patrimonio da Xunta non autorice o traslado, a Deputación deberá destinar ao redor de 500.000 euros para facerse cargo desas pezas.

Segundo relatou Domínguez nun informe encargado á directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tilve, o altar maior valórase en 127.250 euros; os retablos laterais en 99.000 euros; o altar da Virxe dos Desamparados 74.000 euros; o púlpito, 22.000; o cadeirado do coro, 14.000 e o órgano ascende a 135.000 euros. "Estamos en mans das clarisas", lamentouse Domínguez.

A isto engadiu que existen pezas de gran valor histórico e artístico que xa non se atopan no convento como as figuras do retablo maior de San Miguel Arcanxo; a Asunción de María; catro anxos; o Cristo crucificado; San Fernando, Santa Clara; San Antonio de Padua, San Francisco de Asís ou o relicario de San Vicente Martir. Trátase de obras policromadas e datadas no ano 1734. 

Sinalaba tamén que faltan figuras de 1538 como Santa Úrsula ou Santiago Apóstolo, que estaban situadas no retablo da Inmaculada Concepción e pezas como a Virxe do Carmen, San Joaquín, Santa Ana, San Juan Bautista, a bandeira dos Heroes de Ponte Sampaio; ou o cadro da Virxe dos Desamparados.

Domínguez mostrou o seu especial malestar pola marcha do tímpano gótico de 1317, "é o que máis pena me dá ao tratarse dun dos poucos tímpanos góticos policromados que existía en Galicia". 

O vicepresidente incidiu en que "Lores e Mosquera permitiron este saqueo cultural, este disparate artístico por cuestións ideolóxicas. Non loitaron por mantelo". Explicou que tentarán negociar coas clarisas a compra destas pezas: "Isto é un valor artístico que se dividiu de forma inadmisible", engadiu Domínguez expoñendo que os contactos coa congregación son "moi preliminares" e que "non estamos dispostos a pagar calquera prezo" polas obras artísticas.

Quixo tamén apuntar que a desacralización do convento está al margen de esta situación xa que, segundo indicou, "non ten nada que ver a parte relixiosa coa artística e cultural" baseándose nos informes dos técnicos do Museo. "Non é un tema relixioso nin para min nin para ninguén", asegurou.

RESPOSTA DE FERNÁNDEZ LORES

Ao alcalde de Pontevedra, preguntado respecto diso, este asunto prodúcelle "certa hilaridade", porque sostén que foi Patrimonio da Xunta de Galicia a que autorizou, dacordo coa congregación das clarisas, a saída de certas pezas artísticas do convento.

"Non puxemos pegas a que e levaran o que consideraran convinte e foi Patrimonio quen o autorizou. Nós non tivemos nada que facer", subliñou o alcalde, que engadiu que as monxas levaron toda a imaxinería relixiosa "con permiso de Patrimonio".

Se a deixaran, o Concello faríase cargo dela porque "nunca tivemos animadversión a nada", asegurou Fernández Lores, que lembrou os investimentos realizados desde o goberno municipal para conservar patrimonio relixioso.

En todo caso, o alcalde afirmou estar "preocupado" porque entende que Rafa Domínguez "non quere investir en Santa Clara e está deixándoa caer a cachos" ao atrasar as obras de rehabilitación, "e o está xustificando coa súa actitude".

"Eu o que quero é que non deixe caer Santa Clara porque estamos orgullosos de incorporala á cidade e que deixe de dicir cousas que non verdade", sentenciou.