A Xunta de Galicia mantén que o compromiso co proxecto do Gran Montecelo "é irrenunciable" e asegura que as obras se licitarán e contratarán o ano que vén, como estaba previsto.
Así o indicou este xoves o candidato do PP de Pontevedra e presidente local do partido, Rafa Domínguez, tras reunirse nos últimos días co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, para comprobar de primeira man a marcha dos proxectos sanitarios na cidade.
Domínguez indica que o Gran Montecelo é a maior mostra do compromiso da Xunta de Galicia coa cidade de Pontevedra, pois "nunca na historia investiuse tanto na nosa cidade e iso leva o selo do Partido Popular".
Respecto disto, insiste en que o novo hospital "vai supoñer un antes e un despois" na atención sanitaria en Pontevedra, pois incluirá un servizo de Radioterapia, unha UCI pediátrica ou unha unidade de Medicina Nuclear, servizos que non existen na actualidade e que constitúen unha mellora substancial, do mesmo xeito que a comodidade e intimidade que proporcionarán as novas habitacións, moitas delas individuais.
Almuíña e Domínguez tamén abordaron outros aspectos como a necesidade do transporte público ao hospital, as vías sanitarias libres de lombos ou o aparcadoiro que dará servizo ao centro. A maiores, o conselleiro tamén avanzou a Domínguez que se realizarán obras para paliar os problemas de illamento no Hospital Provincial, a pesar de que se trata dun inmoble que cambiará os seus usos coa chegada do Gran Montecelo.