Propostas "concretas" para que Pontevedra "arranque", segundo Rafa Domínguez, desde o punto de vista socioeconómico. É o que o candidato do PP á Alcaldía presentou este mércores aos empresarios da cidade. Todo iso encamiñado a "loitar" contra o "principal problema" do municipio, que identificou co paro.
Así, entre os seus compromisos situou a creación dun polígono comercial e loxístico ao sur da cidade, o impulso definitivo ao polígono do Vao, a supresión da peaxe a Barro e a instalación dunha fábrica que peche o ciclo do papel en Pontevedra.
Entre as medidas impositivas, o candidato popular destacou a rebaixa do 10% no IBI, do 25% na viñeta e do 50% nos vehículos verdes; ademais da adhesión ao programa 'Doing Business' para fomentar a instalación de proxectos industriais na comarca e que implica bonificacións de ata o 95% no IBI, o ICIO e o IAE.
Con respecto ao comercio local, Rafa Domínguez trasladou aos empresarios a súa aposta por axilizar trámites, pola implantación de transporte público, por incrementar a 30 minutos o tempo da zona servizos e pola creación de novos aparcamentos públicos e gratuítos.
Neste bloque tamén se inclúen medidas de formación e a creación dun banco de baixos ou a aprobación de accións de ornato e de accesibilidade ou as axudas para o aluguer de ata o 50% durante o primeiro ano.
Todas estas propostas compleméntanse coa elaboración dunha novo PXOM para Pontevedra que fortaleza, segundo o líder do PP, o proxecto de cidade e permita situar no municipio os equipamentos que necesita o concello.
Ademais, Rafa Domínguez prometeu que poñerán en marcha unha oficina de asesoramento para axilizar as licenzas coa participación dos colexios profesionais, promocionará a licenza exprés e demandará a supresión da peaxe a Barro para "deixar de pensar en localismos e apostar pola comarca" e, en concreto, pola "utilidade" do polígono de Barro-Meis.