Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, explicaba este martes o punto no que se atopa a reforma do convento de Santa Clara.
Durante a súa comparecencia afirmaba que nos últimos meses se levou a cabo unha "actividade frenética" desde a nova dirección do Museo, que encabeza Ángeles Tilve, para desenvolver o proxecto museístico global dos edificios que forman parte do Museo de Pontevedra.
Neste sentido lembrou que, inicialmente, para o Convento de Santa Clara se decidiu elevar o grao de protección do edificio e dos seus xardíns suspendendo o concurso internacional que gañara Nieto Sobejano Arquitectos. Domínguez engadiu que tras manter encontros cos representantes deste despacho de arquitectura, a firma madrileña compartiu "a visión proteccionista do proxecto" e decidíase continuar coas modificacións que se establecesen desde a institución provincial.
Agora iniciaranse os trámites para plasmar en documentos esas reunións mantidas durante os dous últimos meses. O xoves 18 de xaneiro asinábase o inicio do expediente de contratación do proxecto e dirección de obra para a reforma e ampliación de Santa Clara para uso do Museo de Pontevedra, engadiu o vicepresidente provincial.
"É o inicio administrativo para as obras de Santa Clara e dá un paso fundamental cara a adiante para que o proxecto sexa real canto antes", asegurou Rafa Domínguez, avanzando que nos próximos días manterase ese proceso de negociación con Nieto Sobejano para que se plasme por escrito o falado previamente. "Quero agradecer a eficacia e vontade de todos os servizos implicados en sacar adiante este proxecto. En tres meses atopamos solucións para que a reforma de Santa Clara sexa unha realidade", manifestou.
Entre os puntos que a Deputación de Pontevedra quere que figuren nesta documentación figuran o mellor prezo ofertado; a supresión do centro arqueolóxico e proposta de conexión; o respecto aos valores históricos da instalación; e o acceso ao convento.
O obxectivo é obter unha visión conxunta dos servizos de arquitectura, de contratación, xurídicos e de dirección do Museo para comprobar se o discurso museístico encaixa co proxecto gañador, engadía Domínguez que manifestaba que "hai boa sintonía" co estudo de Nieto Sobejano, que deberá presentar o proxecto de execución da reforma conventual recollendo o establecido nas negociacións técnicas coa Deputación
Unha vez que se alcance o acordo por escrito comezaría o prazo de execución do proxecto básico, orzado en 1.742.400 euros, que contempla a redacción do proxecto e a dirección de obra.
"A Deputación está comprometida con Santa Clara e traballamos de forma calada", indicou que Rafa Domínguez sinalando que o 30 de xaneiro na Xunta de Goberno provincial vai asinarse o inicio do expediente de contratación de redacción do proxecto da reforma de Santa Clara.
"Non queremos entrar en ningún conflito co Concello. Os dous estamos de acordo en que se faga canto antes"
En todo caso, o vicepresidente quixo alertar de que "as obras de edificios históricos son extremadamente complexas" aínda que o seu obxectivo é que en 2027 finalicen os traballos cando se cumpra o centenario da creación do Museo Provincial.
O proxecto definitivo de obra estaba inicialmente estimado en 23 millóns de euros, cifra na que Domínguez cre que "quedamos curtos" de cara a cando se coñeza o traballo final e as cuestións económicas respecto a esa fase. Neste sentido, admitiu que desde a Deputación están abertos a negociar con todas as administracións para acadar financiamento.
Tamén recoñecía que existen "moitos factores que poden atrasar" as obras, entre outras cuestións é necesaria a tramitación da licenza de obra co Concello de Pontevedra. Na mesma liña, Domínguez lembraba que o convenio entre a Deputación e o Concello se especifica que os xardíns do convento deben estar abertos antes do 30 de xuño deste 2024, situación que podería provocar un atraso ou mesmo, recoñeceu, provocar que o Convento reverta ao Concello de Pontevedra.
"Non queremos entrar en ningún conflito co Concello. Os dous estamos de acordo en que se faga canto antes", aclarou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, quen tamén explicou que este ano se ten que resolver o procedemento administrativo do concurso público para a dirección do Museo e agarda que Ángeles Tilve continúe no cargo polos "seus coñecementos" e porque está a realizar a planificación museística dos vindeiros anos coa recuperación da Bienal e a preparación dos actos do centenario.