O anterior podcast de 'Mentres isto dure' reproduciu as dúas primeiras sesións telemáticas que mantiñan estudantes de segundo curso de Bacharelato do Instituto Valle Inclán con alumnos de noveno curso (correspondente en España a terceiro de ESO) do Colexio Español Miguel de Cervantes de Sao Paulo.
É unha iniciativa promovida co obxectivo de trasladar á comunidade escolar brasileira como previr contaxios de COVID-19 nos centros educativos e por extensión na vida diaria.
Nas dúas últimas sesións mantidas - e que ocupan esta edición de PontevedraViva Radio-, por parte do centro pontevedrés participaban: Lara Reguera Acuña, Alexandra Domínguez Roldán, Laura María Suárez Crespo, Branca Fernández Lago, Alba Piñeiro Justo, Gabriel José Coira Lorenzo e Sebastián Carlos Cernadas Cernadas.
Os alumnos paulistanos expuxeron aos seus compañeiros pontevedreses cuestións como: que é o máis difícil das medidas que hai que cumprir, que actividades pódense facer, como se organizan e protexen nas aulas ou clases de ximnasia, que foi o máis difícil das clases en liña ou como se conseguiu a concienciación entre os estudantes.
Actualmente a situación pandémica en Brasil non fai posible desenvolver o curso presencialmente, polo que o Centro Miguel de Cervantes - que ten titularidade mixta co Goberno español - está a desenvolver as clases en liña, do mesmo xeito que sucedeu desde marzo do ano pasado neste país.