Seis meses de funcionamento cumpre a marcaPontevedra Capital Gastro. Para falar da súa filosofía, percorrido nestes meses e as previsións que se manexan sentamos en PontevedraViva Radio á concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco e a Elena Vitoria, responsable de proxectos da consultora Carta Branca.
"Todo o que se faga ten que ser da cidade" expón a concelleira socialista e iso conleva colaboración, por iso é polo que están implicados a plataforma PonteLovers, o CIFP Carlos Oroza, o Campus de Pontevedra, asociacións empresariais e sectoriais, confrarías e praza de abastos. Todas estas partes están representadas na Mesa Gastronómica que vén ser "un consello de sabios" como coinciden Yoya e Elena; xa celebraron unha primeira reunión e espérase que antes de finalizar o ano volvan reunirse.
GastroLab, unha das iniciativas amparadas na marca promocional, é un proxecto de corte máis profesional que se presentará este decembro e irase desenvolvendo ata outubro de 2022. Consiste nunha aceleradora, incubadora de proxectos gastronómicos na que "terá cabida calquera clase de proxecto cunha base gatronómica, desde unha web de venda de peixe fresco ata un establecemento que venda vivalbos crus para o seu consumo ou un hotel gastronómico".
Pola súa banda, quen xa participaron dalgunhas propostas son as Bandas de Cociña, coas que se pretende poñer en valor aos profesionais que traballan na capital e que interaccionen entre eles xerando sinerxias en lugar de competencias.
E mirando ao 2022, a Concellería de Promoción Económica e Turismo traballa xa na súa participación en FITUR no mes de xaneiro, onde Pontevedra Capital Gastro será un dos dous eixos promocionais xunto ao turismo sostible, máximo tras a recente concesión de fondos Next Generation ao Plan Sustentabilidade Turística de Pontevedra.