Son días intensos para a xunta reitora da Confraría da Divina Peregrina. Xa desde comezos do ano en curso, sinala o seu presidente Ignacio Landín, levan traballando con "bastante entusiasmo para que todo volva saír como nos anos anteriores á pandemia". Do pasado día 4 ata o 12 están a celebrar as novenas que darán paso o sábado 13 ao multitudinario traslado da carroza procesional e ofrenda floral.
Un traslado que sairá ás 12.45 horas desde a Praza de España ata o santuario. Convocatoria na que os "aspirantes a confrades", un total de dezasete menores, son protagonistas. Seguidamente procederase á ofrenda floral na que Landín explica en PontevedraViva Radio como deben facer aquelas persoas que queiran ofrecer os seus ramos e quen serán as persoas convidadas a ler a ofrenda.
O domingo 14, día da patroa da provincia de Pontevedra, oficiarase a misa pontifical ás 12.00 horas, na que se realizará a advocación á Virxe Peregrina pedindo a súa protección. No caso de que a Confraría non teña resposta da Deputación Provincial manéxase unha alternativa. E para completar, ás 21.00 horas sairá a procesión co percorrido que viña sendo habitual. Nesta ocasión o estandarte será portado polo propio Landín - por decisión da xunta reitora -, e dada a celebración do Ano Xacobeo.
A talla da Virxe Peregrina tamén se prepara para estes días festivos. A camareira da Confraría, Marucha Marescot, encárgase de ataviala con traxe e manto non habituais. Di no 'Cara a cara' que a vestimenta é decisión dela, pero avanza que vestirá traxe branco e o manto azul que hai uns anos restaurouse. A iso engádense pendentes, a medalla da Deputación e tamén se acondiciona a perruca que loce. "Sen esquecerse do neno" que sostén no seu brazo esquerdo e cuxa imaxe vístese acorde coa Virxe.
Rematamos a charla dando o parabén polo recoñecemento que recibirán por parte de Amigos de Pontevedra: "estamos moi contentos de que se teñan acordado da Confraría" e con tal motivo lembra a "as xuntas reitoras que desde hai 260 anos veñen facendo moi bo traballo".