Os quefaceres profesionais de Fernando Salgado leváronlle a coñecer a Susi Maquieira hai uns quince anos. Ela, oriúnda de Cuntis, presidía unha asociación de inclusión social para persoas con algún tipo de discapacidade na comarca do Umia, pola que se interesou o xornalista afincado en Arousa.
Desde novembro do pasado ano comparten promoción. A do libro que escribiu Fernando e no que fala de Susi, 'Que miras?'.
Título interrogativo e pregunta que Susi segue facéndose. Facéndose porque iso é o que ela se pregunta e outra cousa é o que responde verbalmente cando se atopa con miradas inquisitivas ou burlonas. E así o comenta durante a charla que mantemos con eles neste podcast 'Cara a cara'ao falar de acondroplasia, unha alteración no xene do crecemento que presenta Susi.
As diferenzas incomodan e tamén son causa de prexuízos, algo que queda patente durante a conversación que mantemos con eles. Acaban de presentar este libro en Pontevedra e teñen próximas datas xa agendadas.
A máis inmediata será este próximo venres 12 na Biblioteca de Marín ás 20.00 horas. O venres 26 de abril tamén presentarán 'Que miras?' na Biblioteca de Pontecesures ás 20.00 horas e o domingo 28 ás 12.00 horas en Centro Sociocultural de Moraña.
O podcast completo pode escoitarse desde a ligazón que se adxunta e tamén están dispoñibles este e o resto de programas para descargar e escoitar desde a web dePontevedraViva Radio.