'Ponte en el mapa' recolle nesta edición testemuños dos beneficiarios das Bolsas Excelencia Mocidade no Exterior que ofrece a Xunta a través da Secretaría Xeral de Emigración. Unha iniciativa que permite a mozos galegos, de nacemento ou descendencia directa, residentes no exterior e ata 39 anos de idade, realizar un máster nalgunhas das universidades galegas e iniciar a súa incorporación laboral ou emprendedora nesta Comunidade.
Na última convocatoria adxudicáronse 150 bolsas, aínda que actualmente son 162 os mozos retornados en Galicia a través destas bolsas. Proceden dun total de 25 países, no caso do continente americano o maior número residía en Agentina, Venezuela, Brasil e Uruguai, mentres que do europeo corresponde a Reino Unido, Suíza e Alemaña.
As contías destas axudas para currículos brillantes oscila entre os 7.000 e case 11.500 euros. Desde o goberno galego contémplase na próxima convocatoria ampliar ata 200 o número de bolsas, dadas as dificultades sobrevindas coa pandemia.
O podcast de PontevedraViva Radio recolle a experiencia de Javier Caparele Rodríguez, que retorna de Arxentina e instálase en Pontevedra. Agora, coa súa parella, o seu fillo e a carreira universitaria concluída, compaxina o máster cun proxecto empresarial xa en marcha.
Mariela Caro García, tamén procede da capital arxentina, é deseñadora gráfica, retorna xunto á súa parella e "sen plans a longo prazo", a intención é tentar canalizar as oportunidades desde Pontevedra.
E Cristina González Prieto, igualmente deseñadora gráfica, deixa Cuba para facer o máster na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Pontevedra é como nos casos anteriores, a cidade onde iniciar un novo proxecto vital coa súa parella, que xa ten emprego aquí.
Javier, Mariela e Cristina, xunto a outros bolseiros que cursan o máster no campus de Pontevedra tiveron ocasión de trasladar a súa experiencia e situación ao secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e delegado territorial da Xunta, Luis López Diéguez, nun encontro mantido na delegación administrativa de Campolongo.