Andrea Muras é licenciada en Bioloxía, doutora en Microbioloxía e máster en Biotecnoloxía máis en Cultura Científica. Ademais do seu traballo como científica, tamén é divulgadora a través de internet. Volvemos convidar a esta pontevedresa ao 'Cara a cara' porque co grupo Planeta publica o seu primeiro libro divulgativo: 'La guerra contra las superbacterias. Una historia de ciencia pero sin ficción'.
"As miñas queridísimas bacterias" como adoita dicir Andrea, teñen mala fama, pero hai que aclarar que as bacterias poden ser prexudiciais e tamén beneficiosas; mesmo una mesma bacteria pode actuar dunha forma ou outra "dependendo se estamos completamente sans ou temos algunha enfermidade de base".
Inclúe datos curiosos, por exemplo que nun centímetro cadrado da nosa pel hai máis dun millón de microbios ou que nun bico na boca de oito segundos prodúcese o intercambio de oitenta millóns de bacterias: "é que hai moita vida na nosa boca", chancea Andrea durante a charla.
Tamén fala dun termo que aprendemos nos últimos anos: que os "portadores asintomáticos son os supercontaxiadores" e non é unha referencia que aluda ao covid e a 2019, senón a comezos do século XX e a uns pexegos con xeado.
De forma didáctica tamén fala dunha pandemia silenciosa na que estamos inmersos por culpa do uso irresponsable dos antibióticos; ou que este cambio climático tamén lles afecta a estes microorganismos. Os textos de Andrea Muras compleméntanse co traballo da ilustradora científica Cirenia Arias Baldrich.
Podes escoitar o podcast na ligazón que se adxunta e descargalo tamén na web de PontevedraViva Radio.