31 de outubro. Esa é a data en que conclúe o prazo para votar na web www.arboleuropeo.es a proposta do carballo de Santa Margarita, en Mourente, para que sexa Árbore do Ano en España 2018. Se consegue ese recoñecemento pasaría a unha selección de ámbito europeo. Ata a data, ocupa o terceiro posto entre oito. Así que o teu voto conta e moito. Desta forma enténdeno os promotores da súa "candidatura": a Comunidade de Montes de Mourente. Por este motivo contamos no Cara a cara de PontevedraViva Radio co seu presidente, Carlos Morgade.
A iniciativa do concurso, por segundo ano, é da ong Bosques sin Fronteras e conta coa colaboración do Ministerio de Medio Ambiente. A convocatoria valora especialmente a súa historia e conexión coa cidade. Estamos así ante un carballo catalogado como Árbore Singular de Galicia. Morgade tráenos algúns parágrafos da centenaria, quizá ata milenaria vida desta árbore.
"No 1946 houbo uns levantamentos para recuperar foros e leis dos antigos reinos de España. A primeira reclamación política dunha singularidade galega e dunha identificación ou formulación ideolóxico que logo daría lugar co tempo ao nacionalismo produciuse aí, baixo o carballo de Santa Margarita". Os reivindicativos primeiros de maio, organizábanse á súa sombra. Escribiron sobre o carballo nomes propios como o Pai Sarmiento, Manuel Murguía, Barreiro Fernández, Carlos Rodríguez Dacal ou Roberto Taboada, entre outros.
A pesar de toda esa historia que aglutina "sentimos incomprensión", di o presidente da Comunidade de Montes, ao ver que se están poñendo en valor outros elementos do patrimonio e etnografía pero non se inclúe ao carballo de Santa Margarita. Non só iso, senón a pasividade que permitiu a súa deterioración ata o punto de ter que acometer este pasado verán unhas actuacións urxentes.