RADIO.- Podcans comeza o ano con cancións dedicadas a cans e gatos

Pontevedra
04 de xaneiro 2021

Primeiro programa de  Podcans en PontevedraViva Radio para este novo ano no que o educador canino Diego Álvarez fai unha selección musical dedicada a mascotas

 Yako vive coa súa nova familia desde comezos de decembro
Yako vive coa súa nova familia desde comezos de decembro /

As mascotas dos artistas tamén foron motivo de inspiración, en ocasións con intención de que formen parte da súa produción profesional; outras veces non, pero finalmente acabáronse editando e publicando. Soados foron outros cans, como Laika, á que Mecano dedicou un dos seus temas.

Entre todas elas, o educador canino Diego Álvarez, fai unha selección de dez cancións; de artistas nacionais, internacionais; recentes e menos recentes. Se hai algún tema dedicado a mascotas que che guste especialmente e non estea na lista que trae a Podcans, podes enviala ao correo electrónico [email protected] para vindeiras edicións.

De igual forma, podes remitir a esta dirección electrónica calquera consulta ou proposta de tema que sexa de interés para ti e da que Diego Álvarez tomará nota e contestará en próximas edicións deste podcast de PontevedraViva Radio.

Nesta edición non hai proposta dun can que requira adopción, porque "non son xoguetes, adoptar un can supón unha responsabilidade para todos os membros da familia que o adopta; así que non se deben regalar animais en Nadal", explica este educador canino. No seu lugar, presentamos a Yako, que desde comezos de decembro xa ten unha nova familia na que se integrou perfectamente.