Rosa Meis é usuaria de Amencer. Unha asociación que fundaron familiares de persoas afectadas por parálise cerebral. Este pasado catro de outubro foi para ela unha xornada emocionante e intensa. Unha data que no calendario está sinalada como Día Mundial da Parálise Cerebral e que lles levou a convocar unha actividade inclusiva e de visibilización en pleno centro de Pontevedra.
Rosana Sánchez, coordinadora dos centros de día de Amencer; Rosa Domínguez, encargada do programa de talleres e David Villaverde, director do centro situado en Campolongo, cóntannos a barreira que supón unha cadeira de rodas: "para a sociedade éo cando ve unha persoa que necesita esta cadeira e para os usuarios para normalizar o seu día a día polas outras barreiras que atopan".
"Todos teriamos que sentarnos nunha e probar". E esa é unha das posibilidades que facilitaron o pasado catro de outubro.
Que teñan dificultade para falar, non significa que non poidan ou non saiban comunicarse. Fano e reclaman ademais que lles falemos a eles directamente, non aos seus acompañantes; ou que non lles falemos coma se fosen nenos. "A sociedade aínda ten que afacerse". Son prexuízos, descoñecementos, como a propia parálise cerebral, que non é unha enfermidade, senón unha lesión. "Pódese producir na fase embrionaria, no parto ou posteriormente ao parto; cando o cerebro está sen desenvolverse e sofre unha infección ou un traumatismo".
Esteban López, tamén é usuario de Amencer. Como Rosa, participou da convocatoria de Amencer e quíxose sumar a estas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio. Rosa Domínguez chancea con el dicíndolle que seguro lles aparece no aeroporto o próximo 13 de outubro, cando ela e Rosa - como autora e presentadora dun relatorio - participarán en Madrid nun congreso sobre parálise cerebral. "Esteban apúntase a participar en todo".
Como non, participa nas propostas do proxecto municipal Hefesto. Unha proposta que posibilita que persoas que algún tipo de discapacidade poidan realizar actividades que habitualmente non se lles facilitan. "É necesario que programas así sexan realmente inclusivos, que participen conxuntamente persoas con e sen discapacidade". E outra necesidade, que non quede sen escribir, a dunha residencia en Pontevedra para usuarios de Amencer.