Desde a escena local ata os grupos e artistas do mainstream, o podcast'Os dez lanzamentos' inclúe as novidades musicais que o sector musical presenta os venres. Na súa última edición o programa arrinca con dous lanzamentos procedentes de Pontevedra.
O primeiro o do artista Anxo Araújo que co sinxelo 'Os días felices' presenta o que será o seu próximo álbum 'Aprender a bailar', o segundo da súa carreira musical. Tamén publican novo tema o trío arousán Lontreira. Neste caso trátase dunha primeira composición tras publicar o ano pasado o seu EP debut. O grupo evidencia unha evolución nos seus temas amplificando a electrónica. 'Ser humano' é a primeira novidade deste ano no que irán sacando máis cancións e continuarán cunha ampla presenza en festivais sinalados para este 2024.
A selección pasa este primeiro de marzo con outros lanzamentos de Monteperdido, Código Jondo, as Hinds, O Cristo, Noise Box e o ex guitarrista de Pulp, Richard Hawley. Para completar a edición, o sinxelo dun próximo álbum de La Habitación Roja e o primeiro avance doutro novo disco, 'Playlist' de Revolver, que presenta a reinterpretación de 'Lady Madrid'. Un álbum que vén con xira e que arrincará en maio en Galicia con concertos en Ferrol e Vigo.
O podcast é accesible desde a ligazón que se adxunta e tamén pode escoitarse e descargarse desde a web de PontevedraViva Radio.