Dinamizar o uso do galego, así como o activismo social e dar a coñecer "a vida do Instituto", son propósitos cos que se está a poñer en marcha Onda Sánchez desde o Grupo de Normalización Lingüística do centro pontevedrés Sánchez Cantón.
Convidamos ás Conversas na Ferrería a Alfredo Marques, Laura Omil e Álvaro Barbazón para que falen da súa participación nesta radio escolar a través de streaming e tamén en formato podcast.
O primeiro exerce as funcións de dirección, e asegura que o seu futuro vai cara o xornalismo. Laura, membro do Consello da Muller Nova, encárgase dos contidos sobre feminismo; mentres que Álvaro utilizará esta ferramenta para facer chegar á comunidade educativa cuestións académicas.
O proxecto aínda está en proceso de crecemento, tanto en número de participantes, como en contidos; así que animan a que outros compañeiros sigan sumando.
Aproveitando a súa estancia en PontevedraVIva Radio charlamos con eles sobre adolescentes e a imaxe que os medios de comunicación ofrecen sobre este sector da poboación. Non parece que estean moi de acordo, nin en fondo nin en forma, da súa consideración.