Aínda que o proxecto municipal Pontevedra ten un puntazo xurdiu uns cantos anos despois que as tres empresas convidadas; a filosofía que desenvolven resulta ser un dos obxectivos que promove a iniciativa do concello pontevedrés: a competencia colaborativa.
A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías sinala neste programa de PontevedraViva Radio que "estas empresas son inspiradoras do que debería ser o puntazo".
Vanesa López, de Trisquelia, apunta que unha das claves deste resultado é ter claro que "é unha cuestión de criterios non de egos". Un exemplo do que falan foi o resultado da feira Etiqueta Negra. "Todos os expositores felicitáronme polo traballo destas empresas" apunta Gulías, quen avanzou que dita feira gourmet terá unha segunda edición.
Desde Era Comunicación, Esther Bailón tamén apunta que "o Concello soubo dar a todos o seu sitio", apostando polas empresas locais, o que favorece un clima colaborativo entre as iniciativas que están e que van xurdindo.
Pola súa banda, Ismael Calvo de Ovo Publicidade, engade que ese espírito colaborativo e o resultado que ten nos traballos que desenvolven conxuntamente, supuxo que tamén lles chamaron para realizar proxectos fóra de Pontevedra.