RADIO.- O breaking galego mira expectante á creación da Federación Galega de Baile Deportivo

Pontevedra
19 de outubro 2021

Dez meses despois de falar en PontevedraViva Radio con Alberto 'Jumber', esta promesa pontevedresa do breaking fálanos agora das expectativas que se abren coa creación da Federación Galega de Baile Deportivo 

O BBoy pontevedrés Jumber en PontevedraViva Radio
O BBoy pontevedrés Jumber en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

A constitución da Federación Galega de Baile Deportivo é un paraugas fundamental para quen practica breaking e queren prepararse para esas posibilidades que abriu o seu recoñecemento como disciplina olímpica en París 2024. 

O pontevedrés Alberto Pérez Portela, 'Jumber' é unha desas promesas e este pasado setembro fíxose co evento daLiga Galega de Breaking que se celebrou no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Alí tiveron ocasión de falar co secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, sobre o que supoñería para quen practica esta disciplina deportiva estar na Federación Galega.

"É moi importante porque nos permitiría usar o Centro de Tecnificación para a preparación que necesitamos. Esperemos que se cumpra porque para ter opción de chegar aos Xogos Olímpicos ou conseguir unha representación necesitamos tomalo moi en serio", di no podcast do Cara a cara.

Fálanos ademais en PontevedraViva Radio doutros eventos como o recente Madrid Urban Sports, onde a representación galega de BBoys e BGirls - así se denomina aos mozos e mozas que practican o breaking -, deixou o pavillón moi alto.