RADIO.- "Non somos heroes nin guerreiros, somos profesionais da saúde, pero téñennos que dar ferramentas"

Pontevedra
15 de setembro 2020

Se a cociente de profesionais da fisioterapia na sanidade pública resultaba insuficiente, a pandemia causada pola COVID19 aínda a fai máis escasa. Unha circunstancia semellante á do persoal de enfermería por cuestións como as que explica a secretaria xeral de SATSE Galicia, Carmen García Rivas en PontevedraViva Radio

Carmen García Rivas, secretaria xeral de SATSE Galicia, en PontevedraViva Radio
Carmen García Rivas, secretaria xeral de SATSE Galicia, en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Os profesionais da fisioterapia tamén repercutiron no seu exercicio profesional a tensión da pandemia provocada pola COVID19. Nos meses do confinamento estiveron a prestar atención a outros especialistas sanitarios que soportaban a presión asistencial, así como a pacientes que ían saíndo das UCIS. A estancia nestas Unidades e o propio coronavirus deixan secuelas que requiren da atención de fisioterapeutas. 

É por iso, que ante os baixos cocientes deste persoal na sanidade pública, o sindicato SATSE Galicia, fixese, con motivo do Día Mundial da Fisioterapia, unha reivindicación: máis fisioterapeutas para mellorar a atención e recuperación de persoas con coronavirus. Pero non só para atender aos afectados pola pandemia, senón para múltiples especialidades médicas que igualmente os requiren. Carmen García Rivas, -secretaria xeral de SATSE Galicia-, indica en Mentres isto dure que a OMS recomenda un fisioterapeuta por cada mil habitantes; no ámbito do Servizo Galego de Saúde escasamente chegan aos trescentos.

Non só fala dos centros de saúde, senón tamén dos socio-sanitarios e os destinados a persoas maiores, onde nos equipos de saúde teñen que estar os fisioterapeutas "que resultan escasos" e se fai referencia ao ámbito concertado-privado, engade que "hai de todo, e outras veces de nada". Este déficit de contratacións é extensible a outros profesionais dos que tamén falamos, os de enfermería.

Na charla que mantemos en PontevedraViva Radio non pasamos por alto outra demanda que o colectivo de enfermería tamén está a facer pública, desde tempo atrás, pero máxime neste contexto pandémico e é a presenza da figura de enfermeiros escolares. "É unha figura consolidada noutros países, e tamén nalgunhas Comunidades Autónomas. Este axente de saúde é unha rendibilidade a futuro porque incide en prevención e promociòn da saúde na poboación escolar; ante unha emerxencia, para orientar a profesores e pais, para seguimentos de escolares cunha enfermidade crónica, etc...".