RADIO.- Non, o Betadine non é un protector ante a covid

Pontevedra
17 de setembro 2021

Esta semana, a través de redes sociais difundiuse unha perigosa recomendación que avoga por usar ese medicamento para protexerse ante a covid-19. Falamos en PontevedraViva Radio con Adrián Acuña, vogal do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra

Adrián Acuña Ferradanes, vogal de Oficiña de Farmacia no Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra
Adrián Acuña Ferradanes, vogal de Oficiña de Farmacia no Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra / PontevedraViva

Un dos trending topics de Twitter esta semana foi #betadine. A povidona yodada, comercializada co nome de Betadine instalábase entre as cuestións máis comentadas na rede social despois de que movementos negacionistas á pandemia promovesen o uso deste produto como protector ante a covid-19.

Rotundamente, este medicamento non é un protector ante o coronavirus. Contamos no podcast 'Mentres isto dure' con Adrián Acuña Ferradanes, vogal de Oficina de Farmacia na xunta de goberno do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra; quen explica que é a povidona yodada, cales son os usos para os que se prescribe e cales son os graves efectos adversos que pode ter utilizala para facer gárgaras ou como aerosol nasal.

Neste último caso, a advertencia incumbe ao Betadine pero non resulta ser unha excepción entre quen se erixe prescritor de protectores ante o coronavirus á marxe das autoridades sanitarias: "coa pandemia apareceron moitos bulos e falsas crenzas e é normal que a xente teña dúbidas. O problema é que poden poñer en risco a saúde das persoas", como é algún dos produtos que sinala en PontevedraViva Radio.

Aproveitamos a asistencia de Adrián Acuña para preguntar pola efectividade preventiva que están a ter os test de antígenos e saliva que levan facendo nas farmacias e que na provicia de Pontevedra supuxeron ata a data detectar máis de 1.800 casos positivos asintomáticos.