"Ence truncou o destino natural que tiña Lourizán. Un núcleo turístico ao que acudían as elites desde inicios do século XX, o equivalente galego a San Sebastián e Santander" expón Lukas Santiago, director do documental "Paraíso roubado". Unha figura fundamental daquel momento era Montero Ríos - que foi referente de atracción para outros nomes propios da época como Blanco Rivero quen foi alcalde de Santiago, ou o pintor Sobrino. Os que non tiñan casa propia acudían ao Gran Hotel de Praceres, actualmente colexio.
O tesouro de Lourizán era a súa praia e o marisco que producía. A primeira agresión paisaxística e económica produciuse coa construción da autovía, na década dos 40, cando as mulleres xa fixeron a súa primeira fronte de protesta. "O mar chiquito" resistiu daquela, pero logo terminouse coa construción da pasteira e "a draga Amparo" á que trataron de facer fronte medio milleiro de mariscadoras; algunhas terminaron en prisión ou no hospital.
Relata neste Cara a cara de PontevedraViva Radio que se chegaron a barallar ata cinco emprazamentos para Ence, ademais de Lourizán na ría de Pontevedra, en terreos do Vao, na ría de Arousa e na ría de Vigo onde se situou Pontesa.
Lukas Santiago, orihundo de Lourizán, xa empezou a traballar neste documental en 2007. Recompilou datos e documentación histórica, ademais de entrevistas con veciños e veciñas do lugar. Coa última renovación da concesión á pasteira, estimou que era o momento oportuno para dar luz ao seu traballo e contactou coa Asociación Pola Defensa da Ría, que enseguida lle ofreceron o seu apoio.
A información que chegou a recompilar fai que este documental sexa o primeiro dunha triloxía. "Por desgraza en Lourizán ao longo dos anos cometéronse moitas agresións ambientais, e tamén aos veciños do lugar. Converteron a Lourizán no patio traseiro da cidade", lamenta. Ese segundo traballo relatará a historia recente desde os anos 60. E a terceira parte sería ao redor dos recheos no porto de Marín e os sucesos que se produciron co seu ramal ferroviario.
Este mércores 10 de maio presentouse no Museo de Pontevedra, pero proxectarase noutros lugares da comarca. Para interesados en conseguir este documental, editáronse mil copias de "Paraíso roubado".