RADIO.- Lei de benestar animal, unha norma con baleiros, excesos e colisións con ordenanzas municipais

Pontevedra
20 de setembro 2023

Dedicamos dous podcast en PontevedraViva Radio para examinar a chamada lei de benestar animal. Para iso contamos co presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra e presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios de Galicia

Luis Núñez Desiré, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra
Luis Núñez Desiré, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra / Mónica Patxot

O próximo 29 de setembro entrará en vigor a Lei de Protección dos Dereitos e o Benestar dos Animais. Unha normativa que non resultou de consenso para a súa aprobación; nin político, nin social. Fóra de dous artigos, o resto do seu articulado foi motivo de presentación de emendas. Socialmente, uns consideraron que quedaba curta e outros que se extralimitaba.

Entramos no contido desta Lei no programa 'Cara a cara' con Luís Núñez Desiré, presidente do Colexio de Veterinarios de Pontevedra e presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios de Galicia. "En evitar o abandono e os malos tratos como punto de partida todos estamos de acordo, pero tras ese punto de partida, á normativa séguenselle atopando baleiros e excesos", apunta.

Baleiros e excesos nos que están: a esterilización dos gatos, unha formación obrigatoria para propietarios de cans "sen determinarse quen o impartirá, coas derivadas que ésto conleva, ou quen determinará se unha persoa concreta pode ou non ter un can"; a obrigatoriedade dun seguro de responsabilidade civil para os propietarios de animais que "tamén está sen desenvolver"; a creación dun Consello Estatal de Protección e un Comité Científico Técnico para a Protección e Dereitos dos Animais, ademais dun Plan Estatal de Protección Animal "que en todos os casos sempre serán moi despois da entrada en vigor da norma e tampouco queda claro quen os integraría".

Noutros artigos tamén se poden contradicir ordenanzas municipais. Por exemplo sinala que hai que "evitar que os animais depositen os seus excrementos e ouriñes en lugares de paso habitual doutras persoas", non fala de prohibir. Unha circunstancia que xera queixas cidadás constantes, ademais de contradicir as directrices dalgúns Concellos. Núñez Desiré estima que "é unha cuestión que debería deixarse ás autoridades locais"

Este primeiro podcast pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén se pode descargar na web de PontevedraViva Radio.