RADIO.- José Ángel Abraldes, director do CRE da ONCE: "As novas tecnoloxías tamén adoecen de accesibilidade"

Pontevedra
18 de xaneiro 2019

O próximo 21 de xaneiro será un día especial para o CRE da Once en Pontevedra; con todo esta semana está a ser igualmente emotiva, tal e como contan en  PontevedraViva Radio

Pilar Carballo e José Ángel Abraldes nas Conversas na Ferrería
Pilar Carballo e José Ángel Abraldes nas Conversas na Ferrería / Mónica Patxot

O Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra e no seu nome o presidente da Fundación ONCE, Miguel Carballeda, será o encargado de recoller o vindeiro luns 21 o premio Cidade de Pontevedra no apartado de entidades xurídicas. Un galardón que se entregará no tradicional pleno de honras no Teatro Principal, con motivo da onomástica - un día antes- do voto da cidade, San Sebastián.

No estudo de PontevedraViva Radio acompañáronnos o director do Centro, José Ángel Abraldes e Pilar Carballo, pedagoga no CRE. Ambos coinciden en destacar as sucesivas e sinceras felicitacións que están a recibir durante estes días con motivo do reconomiento. Un premio que supón un epílogo de luxo ás celebracións que en 2018 desenvolveron con motivo do 75 aniversario de existencia do centro da Organización Nacional de Cegos en Pontevedra.

Na charla que mantemos nas Conversas na Ferrería facemos unha retrospectiva a todas estas décadas: o labor de docencia, de formación, de lecer, labor social, de inclusión e de accesibilidade que vén ofrecendo e propiciando o centro situado en Campolongo. Tamén falamos das repercusións que as novas tecnoloxías supuxeron e están a ter para as persoas con discapacidades visuais; ou de romper barreiras e #barrerismo, non só nun ámbito xeral, senón tamén no municipal.