RADIO.- Javier Mur Isaiz: "Non por meter tecnoloxía en Educación estamos a innovar, hai que cambiar a metodoloxía"

Pontevedra
08 de outubro 2020

Javier Mur Isaiz obtivo en 2016 o Premio Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa, galardón que entrega o Ministerio de Educación. Falamos con el en PontevedraViva Radio de innovación educativa

Javier Mur Isaiz no Cara a cara de PontevedraViva Radio
Javier Mur Isaiz no Cara a cara de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Javier Mur Isaiz foi en 2016 Premio Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa, galardón que entrega o Ministerio de Educación e do que foi merecedor polo Proxecto Guillén.

Un proxecto que desenvolveu entre 2014 e 2015 en Monzón, Huesca, para conseguir que un dos alumnos, que enfermara de cancro, seguise integrado no curso aínda que non puidese estar presencialmente na aula. O obxectivo cumpriuse: o mozo non se descolgou dos seus compañeiros nin do curso e todos aprenderon a maiores unha serie de valores que non se inclúen nas materias curriculares.

Unha experiencia que ademais dun documental, inspirou unha película ficcionada, que agora se exhibe nas salas de cinema e que deixamos á marxe no programa Cara a cara para centrarnos na innovación educativa.

Javier Mur ademais de mestre, orientador e psicopedagogo é desarrollador de proxectos eLearning. Novas tecnoloxías que neste contexto pandémico fixéronse esenciais no ensino; así que nos fala en PontevedraViva Radio se é viable o ensino 2.0 ou son condicionantes externos e metodoloxías erróneas o que a dificultan.

Tamén falamos, entre outras cuestións, de se esa experiencia do Proxecto Guillén pode ser replicable nesas circunstancias nas que menores, estudantes, requiran estancias hospitalarias prolongadas que impidan a súa presenza física no centro educativo.