RADIO.- Furious Monkey House, rock pontevedrés para o día grande da Peregrina

Pontevedra
13 de agosto 2023

A intensa xornada festiva deste domingo 13 de agosto, fai un oco na súa programación para unha nova banda pontevedresa. Os Furious Monkey House presentarán o seu último álbum na Ferrería. Charlamos con Mariña Paz e Irene Esteban en PontevedraViva Radio

Mariña Paz e Irene Esteban, dúas dos seis integrantes de Furious Monkey House
Mariña Paz e Irene Esteban, dúas dos seis integrantes de Furious Monkey House / Mónica Patxot

O día grande da Peregrina terá tamén nome pontevedrés nos escenarios dispostos para esta semana festiva. A cidade á que pertencen viulles e escoitoulles comezar co seu 'Run' e agora na súa primeira mocidade engadiron á súa traxectoria o terceiro álbum con 'Oneiric'. E comezamos a charla no podcast 'Cara a cara' pola  portada deste disco que é toda unha declaración de intencións; unha declaración do momento presente de Furious Monkey House

Musicalmente o elepé tamén se reitera na evolución. As guitarras rockeiras ceden protagonismo aos teclados e a un abanico sonoro con máis influencias. As letras - maiormente do puño de Mariña - foron resultado do seu sentir estes últimos anos de adolescencia -.  Veñen de vivir a súa primeira xira como maiores de idade, unha experiencia que auspiciada por Virando por Salas "foi superguay, en case todas as salas houbo unha acollida moi chula. A xente que viña escoitara o disco e gustábanlle as cancións" lembra Irene Esteban.

Falamos igualmente dalgunhas colaboracións que Mariña Paz fixo con artistas pontevedreses como Berto ou Thom Archi. Manteñen os pés moi no chan. Non miran ao longo prazo, senón ao futuro máis inmediato no que mentres poidan seguir cos seus proxectos persoais compaxinados coa banda, así o farán. E isto pasa polo concerto deste domingo 13 ás 21.00 horas na praza da Ferrería. Para este verán tamén no AmeixaFest de Carril (Vilagarcía) e en Recorda  Fest da Coruña.

O programa completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e pódese descargar o podcast na web de PontevedraViva Radio.