RADIO.- Este mes farase a segunda intervención con células nai a outra nova enferma de Crohn

Pontevedra
06 de decembro 2019

Tras darse a coñecer a terapia e  intervenión pioneira en España levada a cabo este mes no Hospital Montecelo de Pontevedra para enfermos de Crohn; en  PontevedraViva Radio este equipo multidisciplinar cóntanos o antes, durante e o futuro máis e menos inmediato deste traballo

Falamos nas Conversas na Ferrería do proxecto pioneiro coa enfermidade de Crohn
Falamos nas Conversas na Ferrería do proxecto pioneiro coa enfermidade de Crohn / Cristina Saiz

A primeira aplicación dunha terapia con células nai entre enfermos de Crohn que puxo estes días na picota ao Hospital Montecelo arrincou co nome dun cirurxián madrileño, García Olmo. Posteriormente posicionáronse quince hospitais en España para desenvolver o proxecto ADMIRE - sendo Montecelo o único en Galicia-. 

Todo ese traballo multidisplinar desenvolto desde 2012 xa o fixeron público hai escasos días e esta semana sentan nos micrófonos de PontevedraViva Radio para coñecer con maior detalle o antes, durante e o futuro máis e menos inmediato deste traballo. Estela Fernández Salgado, do Servizo de Dixestivo; Erika Barreiro Domínguez, do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva; Carlos Crespo Diz, do Servizo de Farmacia, Gisele Romero Aresté do Servizo de Radiodiagnóstico e Víctor Loira, como representante de ASSEII, a Asociación Sociosanitaria Educativa Inflamatoria Instestinal.

Estes días colegas de profesión de toda España están a chamar felicitando e sorprendidos polo feito de que fose este o centro pioneiro. Tamén os pacientes levantaron o teléfono, mesmo sinalan nestas Conversas na Ferrería, desde Valencia para saber como acceder ao tratamento. Así que avanzan "cada Comunidade Autónoma van ter a oportunidade de acceder a este tratamento" e no caso de Galicia polo momento a referencia será Pontevedra. Tamén desde ASSEII as consultas están "a ser moitas, moitas, porque tamén queren ser beneficiarios", di Víctor Loira quen reitera que esta consecución é "un gran avance, un antes e un despois".

A primeira persoa intervida, evoluciona favorablemente, aínda que haberá que esperar seis meses para ter unha valoración concreta do resultado e o futuro deste proxecto médico. Outra boa noticia é que o vindeiro día 20 deste mes, realizarase a segunda intervención cirúrxica. Será outra muller e de 23 anos de idade.