RADIO.- Este martes folga de 24 horas entre a profesión médica, por que?

Pontevedra
27 de outubro 2020

O doutor Ramón Barreiro Paz é delegado en Galicia da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos, que xunto a outras sete entidades médicas, convocan unha folga de 24 horas que se repetirá mensualmente. En PontevedraViva Radio explica o detonante da protesta  

O doutor Ramón Barreiro Paz é delegado da CESM en Galicia
O doutor Ramón Barreiro Paz é delegado da CESM en Galicia /

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) inicia ás 00.00 horas deste martes unha xornada de folga en todo o territorio español, que de continuar sen unha resposta satisfactoria por parte do Ministerio de Sanidade á súa demanda, repetirase os últimos martes de cada mes.

O detonante final que levou á protesta é o Real Decreto Lei 29/2020. Con el aprobábanse medidas urxentes en materia de recursos no Sistema Nacional de Saúde para facer fronte á COVID-19, con todo a CESM considera que o seu contido é lesivo para a seguridade asistencial, para os profesionais e para os pacientes.

O doutor Ramón Barreiro Paz, delegado en Galicia da Confederación, explica no podcast 'Mentres isto dure' onde estriban os prexuízos que denuncian do Decreto Lei, entrado en vigor recentemente e que resulta "precipitado, pouco meditado e sen facer unha planificación de necesidades"; polo que suscitou o malestar de entidades colexiadas, sindicais, científicas e académicas da Medicina.

Barreiro Paz é médico de Urxencias no Hospital Comarcal do Salnés. Describe en PontevedraViva Radio a situación sanitaria actual, última semana de outubro, en Galicia: "é realmente preocupante porque comezamos esta segunda onda coa falsa tranquilidade de que os casos eran máis leves e non requirían hospitalización, a de súpeto producirse un crecemento exponencial que require hospitalizacións e ingresos en UCI. Por tanto, de persistir esta tremenda liña ascendente, o sistema de atención sanitaria pode chegar ao colapso".