A Escola de Deseño e Moda de Galicia comezaba a súa andaina no Campus de Pontevedra no ano 2004. A día de hoxe conseguiu situarse como centro de vangarda entre os centros formativos do seu sector en España e reportar unha visibilidade que se recoñecerá o vindeiro luns día 20 cando reciban o Premio Cidade de Pontevedra 2019.
Sentamos nas Conversas na Ferrería a profesores e alumnos para que conten, entre outras cuestións, onde radica ese satisfactorio resultado que está a acumular a ESDEMGA. Lola Dopico, directora da Escola; Nono Bandeira, profesor de Belas Artes e tamén deste centro; así como por parte do alumnado Lucas Cabaleiro, Sergio Villasante, Jenifer Fernández e Ana Pérez-Valdés manteñen unha charla nun ton distendido e "familiar", algo que é extensible ao funcionamento de Deseño e Moda.
Pero, que ninguén se chame a engano, non todo é tan laxo: a esixencia, a adrenalina, o esforzo contínuo, son elementos tamén presentes no día a día da ESDEMGA. Demandas do profesorado, experiencias, capacidades, expectativas, resultados e Premio... compárteno neste programa de PontevedraViva Radio.