RADIO.- En casa de OIleros, Culler de pau

Pontevedra
24 de xuño 2017

Javier Olleros naceu en Suíza e non esquece o que significa a emigración. Levaba a hostalería nas veas, como tamén leva o mar do Grove; así que, aínda que non se dese conta ata os 26 anos, o seu futuro estaba xunto a unha Culler de pau. Unha Playlist en PontevedraViva Radio de Estrela Michelín

Javier Olleros na Playlist de PontevedraViva Radio
Javier Olleros na Playlist de PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

Cando unha persoa chega ao pico dun cume pode alzar a mirada e quedar ancorado ás nubes (ou a unha Estrela Michelín). Tamén pode baixar os ollos para gozar a altura alcanzada, sen esquecer todo o camiño andado ata alí. Así lle sucede a Javier Olleros. Goza do lugar que ocupa como "cosiñeiro" sen esquecer de onde veñen os seus pais, que fixeron para gañarse a vida, cal é o camiño que el mesmo foi percorrendo, e que ocorre ao seu ao redor. É ese tipo de persoas que desde o segundo un en que o coñeces transmite boas vibracións, bo rolo como diría Amparanoia. Seguramente porque Javier Olleros Rodríguez é igual que as cousas que foi facendo na vida: "de forma natural".

Naceu e viviu en Suíza porque os seus  pais, Pepe e Isabel tiveron que buscarse un futuro na emigración. Aquel ourensán e aquela meca coñecéronse alí e xunto a Jorge e Javier, os seus dous fillos, un día volveron ao Grove e montaron un hotel, deixando de cociñar e atender este negocio para outros. Non cabe dúbida de que se puidese facer unha homenaxe diaria a todos aqueles que emigraron e que emigran, faríao. Non é pose, senón activo con esa causa.

Durante a infancia, a adolescencia e primeira mocidade foi un "cu inquieto" que non paraba de facer trastadas, que andaba castigado con reiterada frecuencia, "un vándalo" defínese el. Pero chegaron os 26 anos e un batido de desencantos xunto a unha lección dos seus pais transformárono.

Aquel mozo que saíra da Escola Pública de Hostalería de Santiago, cando non axudaba no negocio familiar comezou a viaxar. Pero non por asueto, senón para traballar gratis con chefs de renome, galegos, non galegos e mesmo de Tokio.  E aquel novo druída da cociña comezou a idear a súa apócema. Chamouna Culler de pau.

Dando voltas a esa marmita non quere nin pode deixar de pronunciar un nome: Amaranta. Non podía ser doutra forma, é unha muller grovense que entrou na súa vida antes de que chegase o Culler de pau. Como o druída recoñece nesta Playlist de PontevedraViva Radio, acabou tamén sendo parte fundamental da creación, tal e como el desexaba. A día de hoxe, dous pequenos viven e axudan en Reboredo: Antón e Zoe.

Quen sabe se no futuro Javier poderá tocar máis Estrelas. O certo é que dispón de ingredientes fundamentais: ilusión, gozar do que fai, do que ten e de quen lle rodea;  coñecerse a si mesmo, poder e saber dicir o que pensa, sensatez...en fin, ese pouso que trae a madurez.