RADIO.- Dedicación + esforzo + disciplina = Club Galaico de natación sincronizada

Pontevedra
21 de abril 2017

Trece das case oitenta nenas que forman parte do Club Galaico Sincro acompáñannos nas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio; elas xunto á presidenta da entidade deportiva e a súa directora técnica. Moita ilusión, moitas horas de dedicación á semana e a aprendizaxe do que significa a disciplina, son tres denominadores comúns destas pequenas mozas

O Club Galaico de Natación Sincronizada en PontevedraViva Radio
O Club Galaico de Natación Sincronizada en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

En pequenos detalles pódense atopar grandes respostas. A trece mozas de sete a catorce anos dilles a nosa fotógrafa Mónica Patxot: colocarvos xuntas para sacar algunhas fotos. Sen que a presidenta do Club Galaico Sincro de Natación Sincronizada, Belén Álvarez; nin a directora técnica, Diana Fernández, lles digan nada, elas comezan a organizarse. De arriba a abaixo, de esquerda a dereita, de máis adiante cara atrás, con posturas que resultan imposibles para moitos mortais.

Compenetración, resultado de catro horas diarias de adestramento. Disciplina, non só na súa práctica deportiva; senón tamén na vida diaria. Autoesixencia, coa mesma circunstancia anterior. De feito, todas son alumnas con bos resultados académicos. O club traballa actualmente con case oitenta nenas; desde os tres anos ata as categorías xuvenís, tanto para competición como para práctica deportiva.

Uxía Pazos, Sara Villanueva, Sara Marescot, Inés Guijarro, Alexandra Piñeiro, Mercedes Domínguez; Andrea Pazos, Lucía Logroño, Iria Costal, Lola Gómez, Candela Seoane, Sara Fernández e María Maquieira van contando nestas Conversas na Ferrería de PontevedraViva Radio cando comezaron esta traxectoria de acrobáticas sirenas. Para practicar a natación sincronizada non só están adaptadas á auga, tamén ao ballet, á danza, á ximnasia acrobática...

A parte menos amable preguntámoslla a Diana e Belén. Resulta necesaria unha aposta decidida no programa de tecnificación deportiva da Xunta coa natación sincronizada para evitar entre outras circunstancias, que as mozas que alcanzan ese nivel e resultados non queden polo camiño.

De igual forma - e aínda que sucede tamén noutras modalidades deportivas -, gustaríalles contar con maior colaboración dos centros educativos. Por exemplo, na convalidación da materia de Educación Física ou en ofrecer facilidades cando o calendario de competicións coincide co escolar ou de exames.

Un modesto consello por se esta lectura parecese esaxerada: pasade polas instalacións de Pontemuiños e observádeas na auga.